Elefante Elegante trae a Burela "Alta Costura", unha mirada cómica e crítica ao mundo da moda e o consumo
Burela, 10 de novembro de 2026. A Casa da Cultura de Burela acollerá este venres, 13 de novembro de 2026, ás 21:00 horas, a representación de Alta Costura, da compañía galega Elefante Elegante, que celebra este ano o seu 25 aniversario. Trátase dun espectáculo cómico, irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais.
A obra retrata o percorrido da produción da roupa, dende a orixe da materia prima empregada na fabricación dos tecidos ata a confección das pezas, a súa distribución e a perversidade dos mecanismos de reciclaxe. A peza detense especialmente na "fast-fashion": o momento da compra, a filosofía de mercado das grandes marcas e a rapidez coa que os produtos se desvalorizan e se transforman en residuos abundantes e altamente contaminantes.
Alta Costura é unha creación de teatro visual na que a estrutura escénica, os intérpretes e a música conforman un organismo vivo en constante movemento, que comunica a través dos sons, dos obxectos, das cores, das formas, dos movementos e das palabras.
O espectáculo, creado por María Torres e Gonçalo Guerreiro con texto de Tiago Alves Costa, conta coa dirección de escena e escenografía de Gonçalo Guerreiro e coa interpretación de María Torres, Pablo Sánchez, Sofía Espiñeira e Raquel Crespo.
As entradas teñen un prezo de 5 euros e poderán adquirirse na taquilla a partir das 20:00 horas. O espectáculo está dirixido a público adulto e forma parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, co apoio da Xunta de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e do Concello de Burela.