• Galego
  • Español

Cultura anuncia que a charanga NBA amenizará as rúas de Burela este venres 29 de xullo

Unha das charangas máis recoñecidas en Galicia ambientará mañá as rúas e os locais que participan no II Tapeo Bonito

Cultura e a Asociación Ledicia decidiron poñer música e animación os dous venres previos á celebración da Feira do Bonito 

O edil de Cultura, José Díaz, anima a desfrutar das propostas gastronómicas dos establecementos de hostalería que contarán este venres con música para todos os públicos


Burela, 28 de xullo de 2022.-  A Delegación de Cultura do Concello de Burela informa de que mañá, venres 29 de xullo, actuará polas rúas da vila a charanga NBA para amenizar un dos venres previos á esperada Feira do Bonito. 

A proposta musical contribuirá a ambientar o II Tapeo Bonito que comezou hoxe en nove establecementos de hostalería de Burela, con máis de 30 propostas de pratos e tapas, tendo como produto principal o bonito e presentado en distintas elaboracións como zorza, á grella, en empanada, salpicón ou hamburguesa.

Desde a Delegación de Cultura e a Asociación Ledicia decidiron poñer unha nota musical aos dous venres previos á Feira do Bonito, tanto o 29 de xullo como o 5 de agosto, comezando mañá coa charanga NBA, unha das máis coñecidas en Galicia. Os músicos sairán da zona de Vista Alegre ás 20 horas e rematarán na praza da Mariña ao redor das 22 horas, tocando polas rúas principais e particularmente diante dos establecementos participantes no tapeo bonito. 

O concelleiro de Cultura, Jose Díaz, convidou “a desfrutar da música e a gastronomía que se ofrecen estas semanas previas á Feira do Bonito, que recibiu o título de Festa de Interese Turístico Nacional no 2019 pero que estreamos este ano con moita alegría”, afirmou, engadindo que “traballamos para darlle a maior repercusión e relevancia á feira pois é unha das 12 festas de interese turístico nacional de Galicia e para nós todo un orgullo, polo que temos que coidala, mantela no tempo e facer todo o posible para crear unha programación atractiva ao redor deste evento”.

Así mesmo, Díaz salientou a importancia “do que implica ter esta distinción, pois unha das vantaxes é a de figurar nas guías internacionais de turismo, non só nas de España, o que presenta a oportunidade de atraer turismo estranxeiro, poñendo no mapa as artes de pesca sostibles que se practican en Burela e o bonito particularmente, coñecido en todos os recunchos do país e que se serve en restaurantes de toda España”.