• Galego
  • Español

Conclúe o XII Torneo de Tenis – Memorial José Luis Yebra tras dúas semanas de competición nas pistas da Marosa

  • O torneo, organizado polo Club de Tenis-Pádel A Marosa coa colaboración do Concello de Burela, rematou este domingo coa entrega de premios e unha homenaxe a José Luis Yebra

Burela, 4 de agosto de 2026.  O XII Torneo de Tenis Concello de Burela – Memorial José Luis Yebra puxo fin á súa duodécima edición tras dúas semanas de competición nas pistas da Marosa. O campionato, organizado polo Club de Tenis-Pádel A Marosa coa colaboración do Concello de Burela, celebrouse entre o 18 de xullo e o 2 de agosto, reunindo xogadores e xogadoras das categorías absoluta, dobres e individual Xóvenes Promesas.

Na categoría individual absoluta, Fernando Kanacri proclamouse campión tras vencer a Miguel Ángel González por un dobre 6-4, revalidando o título conseguido na pasada edición. Na competición de dobres absoluto, Fernando Kanacri e Laura Kanacri impuxéronse a Rafael Marful e Valentina Blanco, mentres que Jesús Aponte conquistou o cadro de consolación.

Na categoría individual Xóvenes Promesas, Jesús Caja proclamouse vencedor na categoría sub-11 tras superar a Thiago Da Silva na final, mentres que Carlos García se fixo co título de consolación. Na categoría sub-15, Carlos Caja acadou o triunfo fronte a Leo Rodríguez e Guillermo Pardiñas foi o gañador da fase de consolación.

Ao remate da competición fíxose a entrega de trofeos e de vales para material deportivo aos campións e subcampións das diferentes categorías, nun acto no que participaron a alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena. A continuación, o presidente do Club de Tenis-Pádel A Marosa, Fernando Rey, entregou unha medalla conmemorativa desta duodécima edición a Ofelia Martínez, como mostra do recordo se continúa mantendo de José Luis Yebra.

O concelleiro de Deportes, Carlos Méndez Pena, destacou que "o Torneo de Tenis Concello de Burela continúa consolidándose como unha cita de referencia do verán deportivo no municipio grazas ao traballo do Club de Tenis-Pádel A Marosa e á participación de deportistas de diferentes idades e niveis". Así mesmo, agradeceu "a implicación da organización, das persoas participantes, do público e de todas as entidades colaboradoras por contribuír a que Burela continúe acollendo eventos deportivos que promoven tanto a competición como o recoñecemento á memoria de José Luis Yebra".