Catro novas incorporacións reforzan a Policía Local de Burela
- Entre os novos profesionais destaca Nuria Garrido, que se converte na primeira muller en formar parte da Policía Local do Concello de Burela
Burela, 15 de xullo de 2026. Cada incorporación á Policía Local é o final dun longo camiño de esforzo, formación e compromiso co servizo público. En Burela, ese camiño tradúcese agora na chegada de catro novos axentes que reforzan o corpo municipal e que comezan unha etapa marcada pola vocación de estar ao carón da veciñanza.
Entre eles atópase Nuria Garrido, que pasa a formar parte da historia do Concello ao converterse na primeira muller policía local de Burela. Xunto a ela, César Brage e Junior Roca realizan o seu período de prácticas dende o pasado 1 de xaneiro.
Entre o 2 de xaneiro e o 26 de xuño completaron a súa formación na AGASP e continuarán prestando servizo en Burela ata o 4 de outubro, cando remate o período de prácticas. O 10 de outubro está previsto que se incorporen como funcionarios de carreira.
A eles súmase Adrián Casas, incorporado hai uns meses á Policía Local de Burela mediante unha permuta cun compañeiro, unha oportunidade que lle permitiu regresar á súa contorna, xa que é natural de Burela.
Detrás destas incorporacións hai un proceso longo e especialmente esixente. A convocatoria das oposicións da AGASP publicouse o 2 de xullo de 2025 e será case ano e medio despois cando esta promoción adquira a condición de funcionarios de carreira. Un percorrido que evidencia a preparación e a dedicación que require formar parte dun corpo que desempeña un labor esencial no día a día dos concellos.