Carmela López dá a benvida ao novo curso en Burela
- A alcaldesa recibiu unha peza 3D de Burela realizada no IES Monte Castelo no marco dunha formación de Polos Creativos
Burela, 10 de setembro de 2026. A alcaldesa de Burela, Carmela López, quixo aproveitar o inicio do novo curso para desexarlle un bo ano académico a toda a comunidade educativa do municipio, dende os máis pequenos e pequenas ata o alumnado dos institutos e dos diferentes ciclos formativos. Fíxoo no marco da entrega dunha peza moi especial, unha representación de Burela en 3D realizada no IES Monte Castelo nunha formación de Polos Creativos coordinada por Sonia Prado Barro. A peza foi elaborada cun modelo creado por José Antonio Pita Rey a partir da cartografía de Burela á que se incorporaron elementos identificativos do municipio para facela mediante impresión 3D.
“Encántame ver Burela en 3D e comprobar todo o que se pode facer unindo formación, tecnoloxía e creatividade”, sinalou López, que agradeceu a Fernando Lamas o detalle e tamén o traballo de todo o equipo docente que fai posible iniciativas coma esta.
A alcaldesa vinculou esta iniciativa coa importancia da educación e da formación para construír futuro e abrir novas oportunidades. “A ensinanza pública constrúe futuro. Hai que coidala, reforzala e apostar por ela”, destacou.
A rexedora desexou finalmente un bo curso ao alumnado, profesorado, familias e a todas as persoas que cada día traballan nos centros educativos de Burela.