• Galego
  • Español

Burela xa conta co selo oficial do Camiño do Mar, dispoñible para os peregrinos na Oficina de Turismo ou no Concello

Os peregrinos que opten por realizar este tramo do Camiño de Santiago xa poderán selar a súa credencial con este distintivo

Desde a Oficina de Turismo de Burela xa estrearon o selo oficial do Camiño do Mar cos primeiros peregrinos de nacionalidade australiana

Desde o Concello afirman que este é un paso máis para conseguir a oficialización por parte da Xunta de Galicia deste trazado como unha das Rutas Xacobeas a Santiago


Burela, 13 de maio de 2022.-  O Concello de Burela xa conta co selo oficial do Camiño do Mar, un trazado que pasa pola localidade e recoñecido pola Igrexa Católica. Os peregrinos poderán pedir o selo tanto no Concello como na Oficina de Turismo, que xa estreou este distintivo cunha parella de peregrinos australiana. A luz do faro no selo debuxa unha cuncha de vieira, como os sinais que se atopan nos camiños de Santiago e serven de guía, cun torques que representa o noso pasado castrexo.

Ao carácter oficial e de recoñecemento eclesiástico deste camiño como unha das Rutas Xacobeas a Santiago, “deberá sumarse a oficialización por parte da Xunta de Galicia deste trazado que transcorre por toda a costa da Mariña Lucense e boa parte da Costa Ártabra, pasando en Burela polo Camiño Real a Sargadelos e pola Igrexa da Vila do Medio, un revulsivo económico, cultural e social para a localidade”, afirman desde o Concello. 

O Camiño do Mar é unha antiga variante xacobea do Camiño do Norte, caída en desuso, e que se está a recuperar seguindo fielmente os documentos da época que a recollen. Desde Ribadeo, as peregrinas e peregrinos continúan bordeando o Cantábrico e o Atlántico, alcanzando outra ancestral meca de peregrinación, Santo André de Teixido, antes de enlazar co Camiño Inglés a Santiago de Compostela. Deste xeito, ofrecíaselles a oportunidade de peregrinación a dous apóstolos.

O selo oficial do Camiño do Mar supón un paso máis na súa promoción como aliciente turístico, non só para Burela, senón para toda a Mariña, situando esta ruta como unha opción máis, visibilizando o percorrido, as paisaxes, historia, patrimonio, e, en definitiva, “situando o Camiño do Mar como unha opción atractiva para realizar a peregrinaxe a Santiago de Compostela”.