• Galego
  • Español

Burela será un dos puntos habilitados para a actualización do censo electoral de Cabo Verde ante as eleccións de 2026 e trámites de pasaporte

  • Un equipo da Embaixada desprazarase á localidade esta fin de semana para facilitar a inscrición presencial e o luns realizará tamén trámites de pasaporte

Burela, 19 de febreiro de 2026. Burela converterase esta fin de semana nun dos puntos habilitados en España para a actualización do censo electoral de Cabo Verde, un proceso necesario de cara ás eleccións lexislativas previstas para o 17 de maio e ás eleccións presidenciais convocadas para o 15 de novembro de 2026. Ademais, o luns 23 o equipo desprazado realizará trámites relacionados coa expedición e xestión de pasaportes no mesmo lugar.

Co obxectivo de facilitar a participación da cidadanía cabo-verdiana residente no exterior, unha delegación da Embaixada da República de Cabo Verde desprazarase á localidade para realizar de maneira presencial os trámites de inscrición e actualización censal, requisito imprescindible para poder exercer o dereito ao voto.

O operativo desenvolverase no Centro de Formación Ocupacional de Burela, situado na avenida Arcadio Pardiñas número 137, Entresuelo, durante o sábado 21 e o domingo 22, en horario continuado de 10.00 a 17.00 horas. A actuación enmárcase na campaña impulsada pola Comisión de Recenseamento Electoral de Cabo Verde en España para achegar este servizo ás comunidades residentes fóra do país e facilitar así a actualización dos rexistros electorais.

Segundo o comunicado oficial da Comisión de Recenseamento Electoral, poden inscribirse todas as persoas cidadás cabo-verdianas maiores de 18 anos na data das eleccións. Para completar o trámite deberán presentar o Cartón Nacional de Identificación ou o Billete de Identidade, así como o pasaporte cabo-verdiano, mesmo no caso de que estes documentos estean caducados.

Grazas ás xestións realizadas pola Concellería de Inmigración do Concello de Burela, o equipo desprazado permanecerá na vila o luns 23, entre as 10.00 e as 16.00 horas, para atender solicitudes relacionadas coa tramitación de pasaportes no mesmo lugar.