• Galego
  • Español

Burela será a primeira festa patronal de Galicia en contar con pulseiras para detectar drogas de submisión química

  • O Concello repartirá estes dispositivos entre a mocidade a partir de 18 anos no campo da festa a través do persoal do Punto Lila
  • A iniciativa está subvencionada con cargo dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

Burela, 5 de xuño de 2026. O Concello de Burela incorporará nas festas patronais unha nova medida de prevención e seguridade dirixida especialmente á mocidade: pulseiras de detección de drogas de submisión química. Con esta iniciativa, Burela converterase na primeira festa patronal de Galicia en contar con este recurso preventivo no propio espazo festivo.

As pulseiras repartiranse no campo da festa a través do persoal do Punto Lila, que funcionará o sábado, domingo e luns en horario de 22:00 a 06:00 horas. Esta acción enmárcase nas medidas municipais de prevención, sensibilización e acompañamento fronte ás violencias machistas, e está subvencionada a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Estas pulseiras funcionan mediante sensores químicos que reaccionan cun cambio de cor cando entran en contacto con determinadas substancias asociadas á submisión química. Para empregalas, só é necesario aplicar unha pequena mostra da bebida sobre a zona reactiva da pulseira e observar se se produce ou non cambio de cor. Se non hai cambio, non se detectan substancias; se hai cambio de cor, a pulseira indica unha alerta.

Segundo a información facilitada pola empresa, as pulseiras permiten detectar GHB, coñecido tamén como éxtase líquido, substancias como ketamina, escopolamina —coñecida como burundanga—, MDMA ou outras substancias similares. Trátase dun dispositivo sinxelo, discreto e reutilizable durante a noite sempre que non se active por presenza de substancias.

Dende o CIM de Burela sinalan que “este tipo de medidas non substitúen a atención profesional nin os protocolos de seguridade, pero si poden ser unha ferramenta moi útil de prevención, información e autoprotección nos espazos de ocio”. Ademais, destacan que “o máis importante é que a mocidade saiba que non está soa, que existe un Punto Lila ao que acudir e que calquera situación de risco debe ser comunicada canto antes”.

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Sandra Fernández Cillero, destacou que “queremos unhas festas seguras, libres e respectuosas, nas que a mocidade poida gozar sen medo”. Neste sentido, sinalou que “as pulseiras son unha ferramenta preventiva máis, que complementa o traballo do Punto Lila e as accións de sensibilización fronte ás violencias machistas”.

Fernández Cillero subliñou tamén que “a seguridade nos espazos de festa é unha responsabilidade colectiva” e incidiu en que “Burela quere ser un espazo de convivencia, liberdade e coidado compartido”.

O Concello lembra que o Punto Lila estará dispoñible no campo da festa o sábado, domingo e luns, de 22:00 a 06:00 horas, como espazo de información, prevención, acompañamento e primeira atención ante posibles situacións de violencia machista ou agresións sexuais. Dende este punto tamén se repartirán as pulseiras de detección de drogas de submisión química.

Así mesmo, dende o concello recomendan acudir ao Punto Lila ou ás forzas de seguridade ante calquera dúbida e pedir axuda de inmediato se se observa unha situación de risco ou sospeita.