• Galego
  • Español

Burela reforza os seus vínculos con Cabo Verde cunha visita institucional da alcaldesa

  • A alcaldesa, Carmela López, e a concelleira de Economía, Patricia Eijo,  mantiveron encontros institucionais en Praia, Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito e reuníronse con familiares e amizades de veciños e veciñas caboverdianas residentes en Burela

Burela, 12 de marzo de 2026. No marco do II Encontro Internacional de Mulleres Electas “As Elixidas”, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a alcaldesa de Burela, Carmela López, e a concelleira de Economía, Patricia Eijo, iniciaron en Cabo Verde unha axenda institucional cunha primeira xornada de visitas á capital, Praia, e aos municipios de Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito, territorios que manteñen unha estreita relación social e migratoria coa comarca da Mariña, especialmente con Burela.

Durante a xornada, a alcaldesa mantivo encontros con responsables das cámaras municipais destas localidades para intercambiar impresións sobre a realidade social e económica destes territorios e sobre os vínculos que manteñen coa comunidade caboverdiana residente en Burela, unha das máis importantes de Galicia.

A visita permitiulle tamén reunirse con familiares e amizades de veciños e veciñas caboverdianas que viven na vila e coñecer de primeira man os lugares de orixe de moitas das persoas que forman parte da vida social, cultural e económica de Burela.

No municipio de Porto Mosquito, achegáronse ao Bar Galycia, un establecemento rexentado por persoas vinculadas con Burela e que simboliza os lazos sociais e culturais entre ambos territorios. Ademais, visitou vivendas de familias con relación coa comunidade burelesa e puido coñecer a actividade pesqueira que se desenvolve na zona.

“Para nós é moi importante poder visitar estes lugares e coñecer a realidade das familias das que proceden moitos veciños e veciñas de Burela. A relación entre Cabo Verde e a comarca da Mariña vai moito máis alá da emigración: son vínculos humanos, familiares e culturais moi fortes”, sinalou. 

Durante esta primeira xornada, a alcaldesa tamén mantivo un encontro coa embaixadora de España en Cabo Verde, Ana Paredes, a quen trasladou a importancia de mellorar a atención consular para a comunidade caboverdiana residente en Burela e na provincia de Lugo. Na actualidade, moitos destes veciños e veciñas teñen que desprazarse a Lisboa ou a Madrid para realizar trámites como a renovación de pasaportes ou outras xestións documentais.

López lembrou que recentemente conseguiuse que persoal consular se desprazase a Burela nunha xornada para facilitar estes trámites, aínda que sinalou que esta medida resulta insuficiente e formulou a posibilidade de que estas visitas se realicen de maneira periódica para facilitar as xestións administrativas á comunidade caboverdiana da vila.

“Moitas destas persoas traballan no mar e pasan semanas embarcadas, polo que cando regresan supón un esforzo moi grande ter que viaxar tan lonxe para resolver cuestións administrativas”, sinalou.