Burela reforza os seus recursos ante emerxencias cardíacas coa incorporación de novos desfibriladores
Burela, 6 de marzo de 2026. O Concello de Burela continúa reforzando os seus medios de resposta ante emerxencias cardíacas coa incorporación de tres novos desfibriladores externos semiautomáticos (DESA), entregados este mércores. A medida forma parte da estratexia municipal para avanzar cara a un concello cada vez máis seguro e cardioprotexido.
Dous destes dispositivos estarán nos vehículos da Policía Local, o que permitirá que as patrullas dispoñan deles durante as súas intervencións diarias e poidan actuar con maior rapidez ante unha posible parada cardiorrespiratoria.
O terceiro desfibrilador situarase na Casa da Xuventude. Ademais, en horario de mañá tamén dará cobertura ás sesións de Ximnasia Activa dirixidas a persoas maiores, ampliando así as garantías de seguridade nesta actividade.
Con esta nova dotación, Burela continúa ampliando a súa rede de desfibriladores distribuídos en distintos espazos e servizos municipais, consolidándose como o concello da Mariña mellor cardioprotexido e reforzando a capacidade de resposta ante posibles emerxencias.