Burela programa para a Semana Santa as Xeorutas do Perdouro e a Marosa os vindeiros 15 e 17 de abril

As concellerías de Turismo e Medio Ambiente presentaron estas dúas citas baixo o lema “Xeorutas Semana Santa ´22, de procesión pola historia xeolóxica de Galicia”
A primeira delas terá lugar o venres 15 de abril, polo Perdouro, e o domingo 17 de abril realizarase a da Marosa
As prazas serán limitadas e poderanse realizar as inscricións no Concello de Burela, no número 982 586 000, ou a través da ligazón rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com
Burela, 5 de abril de 2022.- O concello de Burela vén de anunciar, a través das concellerías de Turismo e Medio ambiente, dúas xeorutas para esta Semana Santa, programadas para o venres 15 de abril polo Perdouro e o domingo 17 de abril pola Marosa.
Baixo o lema “Xeorutas Semana Santa´22, de procesión pola historia xeolóxica de Galicia”, o edís de Turismo e Medio Ambiente, acompañados polo alcalde, Alfredo Llano, presentaron esta nova edición como un revulsivo turístico, afianzando a proposta e situando ao concello de Burela como un punto de interese e valor diferencial pola súa enorme riqueza xeolóxica.
O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, subliñou que “o turismo activo está moi presente na folla de ruta do goberno local, con iniciativas como as xeorutas, que levan anos dando bos resultados e sendo acollidas con moito éxito”. Neste senso, afirmou que “a Mariña Lucense, e particularmente Burela, é un destino perfecto para desfrutar da Semana Santa e descubrir paraxes únicos cun grande valor patrimonial e xeolóxico”.
O edil explicou que as rutas realizaranse en grupos guiados polo recoñecido xeólogo Fran Canosa, a Xeoruta do Perdouro o venres 15 de abril de 10:30 a 13:30 horas, e a da Marosa o domingo 17 de abril de 16:30 a 19:30 horas, con saída os dous días da Oficina de Turismo ubicada no Porto de Burela. “As persoas interesadas deberán inscribirse chamando ao teléfono do Concello de Burela (982 586 000), ou facendo a súa reserva de praza no blog rutasxeoloxicasdegalicia.blogspot.com”.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo reafirmou o obxectivo da súa delegación co “apoio ás xeorutas nun momento crucial para a potenciación destas iniciativas que poñen en valor os espazos naturais, que dan a coñecer o abundante patrimonio xeolóxico de Burela e que ofrecen unha alternativa didáctica e de lecer cun respecto absoluto ao medio ambiente”.
Eijo convidou “tanto á xente de Burela como á que vén a visitarnos nesas datas que participen das xeorutas e que coñezan este territorio tan valioso a nivel histórico, cultural e patrimonial”.
Xeorutas
No que se refire á xeoloxía, falar de Burela é falar dunha das xoias galegas, posto que é un lugar de interese neste eido a nivel internacional. Na contorna da localidade atópanse unha ampla variedade de rochas, tales como cuarcitas, granitos, pegmatitas, ou outras, así como estruturas xeolóxicas que nalgúns casos son moi singulares e excepcionais.
O Concello de Burela leva apostando firmemente polo descubrimento destes tesouros para distintos públicos, incluíndo ao alumnado dos centros de ensino. Nesta ocasión, propóñense para o público xeral dúas xeorutas, unha polas inmediacións do porto e a outra polo paseo marítimo da praia da Marosa. Unha viaxe no tempo de moitos millóns de anos guiada polo xeólogo Francisco Canosa.
A do Perdouro é unha xeoruta que permite descubrir o conxunto de pregues mellor conservado de toda Galicia, unhas estruturas de máis de 300 millóns de anos de antigüidade, así como os fermosos arcos naturais do Castrelo. O percorrido ten 3 quilómetros de distancia (ida e volta) e unha dificultade baixa.
Na ruta da Marosa as rochas graníticas son as protagonistas, nun percorrido literal que presenta a orixe das formas azarosas que adquiren estas rochas co paso dos anos. Son 6 quilómetros (ida e volta) cun grao de dificultade baixo.