Burela participa nas xornadas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade sobre cooperación municipalista e axuda humanitaria
Burela, 12 de novembro de 2026. O Concello de Burela participou esta semana nas xornadas organizadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade baixo o título “Cooperación municipalista. Novos enfoques para vellas fórmulas: irmandamentos e axuda humanitaria”, celebradas o martes 10 de novembro no Espazo Híbrido da Coruña. A representación municipal correu a cargo do tenente de alcaldesa, Mario Pillado, que tamén asistiu o luns 9 ao encontro “Cuba na encrucillada. Unha visión desde o municipalismo sobre os desafíos que enfronta a illa”.
Estas actividades constituíron unha oportunidade para compartir experiencias con representantes doutros concellos membros do Fondo Galego, coñecer de primeira man a realidade que atravesa Cuba e afondar nas posibilidades de cooperación entre administracións locais.
A participación nestes encontros permitiu tamén avanzar na reflexión sobre posibles irmandamentos que o Concello de Burela ten pendentes de desenvolver, especialmente con algunha cámara municipal de Cabo Verde, así como coñecer novas ferramentas e experiencias relacionadas coa xestión da colaboración en situacións de emerxencia e catástrofes humanitarias.
O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou a importancia destes espazos de intercambio e aprendizaxe, que permiten aos concellos coñecer outras realidades, compartir iniciativas e explorar novas vías de colaboración internacional. Neste sentido, agradeceu ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o labor que desenvolve, tanto a través destas xornadas como das actividades formativas que pon á disposición dos municipios.
Desde o Concello de Burela valoran especialmente o traballo do Fondo Galego como ferramenta para impulsar a cooperación e a solidariedade entre concellos, e reiteran a súa vontade de seguir participando nestes espazos de colaboración.