• Galego
  • Español

Burela participa en FITUR dentro da promoción turística da Mariña Lucense

  • A alcaldesa, Carmela López, e o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, representan ao municipio no marco da promoción turística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense

Burela, 22 de xaneiro de 2026. O Concello de Burela atópase en Madrid para participar na Feira Internacional de Turismo (FITUR), representado pola alcaldesa, Carmela López, e polo concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández, no marco da acción conxunta da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Ao evento tamén asistirá a técnica de turismo municipal, que desenvolverá tarefas de carácter técnico relacionadas coa promoción turística do concello.

Durante a mañá de onte, os representantes municipais realizaron unha primeira visita ao recinto feiral e comezaron a establecer os primeiros contactos. A alcaldesa, Carmela López, sinalou que “este evento permítenos coñecer a realidade do sector turístico e as oportunidades que existen para concellos como Burela”.

Hoxe, xoves 22 de xaneiro, o Concello de Burela estará presente na presentación oficial da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense no stand de Galicia en FITUR. "Trátase dunha acción importante para amosar o traballo conxunto que se está a facer dende a Mariña na promoción turística do territorio”, explicou a alcaldesa.

Pola súa banda, Ramiro Fernández destacou que “xunto co labor institucional, tamén é importante desenvolver un traballo técnico que permita establecer contactos con empresas do sector, visitar a feira e manter relacións con operadores turísticos, co obxectivo de atender as necesidades turísticas de Burela”.