• Galego
  • Español

Burela leva a Feira do Bonito e a súa oferta turística a Festur 2026

  • O Concello participa cun stand propio na Feira de Festas de Interese Turístico, que se celebra no marco da Semana Verde de Galicia en Silleda

Burela, 5 de xuño de 2026. O Concello de Burela participa un ano máis en Festur, a Feira de Festas de Interese Turístico que se celebra no recinto feiral de Silleda no marco da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia.

O municipio conta cun stand propio no que se promociona a Feira do Bonito, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, así como a ampla oferta turística de Burela, dando a coñecer os principais atractivos culturais, gastronómicos e naturais da vila.

No stand está a técnica municipal de turismo, Andrea Andión, no espazo dedicado ás festas de interese turístico de Galicia.

Festur constitúe dende 2014 a gran mostra das celebracións galegas con esta distinción, converténdose nun punto de encontro co público e nun escaparate para achegar á demanda turística interna as festas máis antigas, con maior arraigo popular e máis singulares da comunidade.

O concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, destacou que “a presenza de Burela en Festur permítenos seguir promocionando a Feira do Bonito e os atractivos turísticos do municipio nun escaparate de gran afluencia de público”.

Fernández Rey subliñou ademais que “este tipo de encontros son unha oportunidade importante para continuar posicionando Burela como destino turístico e para dar visibilidade ao traballo de promoción que se realiza ao longo de todo o ano”.