Burela impulsa unha campaña de concienciación nas rúas para “coidar dos contactos”
A Concellería de Servizos Sociais de Burela continúa coa campaña de concienciación social por mor da Covid-19. Baixo o título de “Garda os teus contactos”, o Concello pretende reforzar as medidas de seguridade mediante a difusión de información nas rúas.
Diversos profesionais -entre os que se encontran, por exemplo, médicos, deportistas, psicólogos e influencers locais-residentes en Burela serán os encargados de supervisar que os cidadáns “teñen as mans limpas, fan un bo uso da máscara e manteñen a distancia de seguridade”. Entre os participantes estarán a directora do Hospital da Costa, María José Cortés, o veterinario Germán Quintana ou a farmacéutica Catalina Caamaño, entre outras persoas.
Dende o Concello lembran a importancia de minimizar a lista de contactos directos, así como a definición que emprega o Sergas: “calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso, a unha distancia menor de dous metros e durante máis de 15 minutos sen as medidas de protección adecuadas”.
Carmela López explicou que a iniciativa naceu porque recibían dúbidas a través das plataformas dixitais nas que ten presencia o Concello e “decidimos que era unha boa oportunidade”. Así mesmo a edil clarificou que se trata de “reforzar o aprendido durante estes meses coa intención de manter a situación baixo control e non paralizar a nosa vila e a nosa comarca de novo”.
O municipio de Burela padeceu coma ningún outro o brote localizado na Mariña á altura do San Xoán, que fixo que a Consellería restrinxise a entrada e saída libre do concello.
DURACIÓN INDEFINIDA
Esta iniciativa arrancará a vindeira semana e terá unha duración indefinida en distintas localizacións do pobo. Dende o Concello tamén contemplan promover encontros telemáticos con asesores especializados na enfermidade para facer que “a información chegue á cidadanía” e incidir no bo uso das instalacións municipais e dos espazos públicos. Se é posible, non descartan realizar eventos en espazos ao aire libre.
CHAPAS E CAMISOLAS COMO PREMIO
A campaña, que naceu nas redes sociais, da agora o salto ás rúas para “escoitar tamén as dúbidas e inquedanzas dos veciños” e poder “afrontar esta situación con unión e conciencia colectiva”. O Concello pretende continuar empregando as plataformas dixitais e realizará sorteos de camisetas e chapas con lemas e mensaxes para concienciar sobre os perigos da enfermidade.
Durante o estado de alarma os veciños “implicáronse moito a través de Facebook, Twitter, Instagram e WhatsApp, e o mesmo cos comerciantes e asociacións”, explicou a edil.
Recordou tamén que hai que ser “optimistas pero sen relaxarse nin un momento” porque “non o podemos permitir”.
Fonte: Xornal da Mariña