Burela impulsa un pacto entre familias para atrasar o acceso dos nenos e nenas ao primeiro smartphone
- A iniciativa forma parte da Estratexia de Saúde do Concello de Burela e promove unha actuación conxunta das familias para reducir a presión social arredor do teléfono móbil
- As familias poden adherirse ao pacto a través do código QR ou da ligazón incluída nos materiais da campaña
Burela, 16 de setembro de 2026. O Concello de Burela vén de poñer en marcha unha nova campaña para fomentar un uso responsable das pantallas e atrasar o acceso dos nenos e nenas ao seu primeiro smartphone. A iniciativa baséase nun pacto entre familias e enmárcase na Estratexia de Saúde do Concello de Burela, adherida ás estratexias de promoción da saúde de ámbito estatal e autonómico.
A campaña foi presentada durante os encontros de inicio de curso coas familias de Primaria e Secundaria, nos que se informou desta nova iniciativa no CEIP Vista Alegre e no CEIP Os Castros.
O obxectivo principal é conseguir que cada vez máis familias se adhiran ao pacto a través do código QR ou da ligazón habilitada. Trátase dunha proposta voluntaria coa que se pretende crear unha rede de apoio que facilite unha decisión que, tomada individualmente, pode resultar máis difícil.
Un dos argumentos máis habituais para entregar un smartphone a idades temperás é o temor a que un neno ou unha nena quede excluído porque o resto do seu grupo xa dispón dun. A campaña parte precisamente desa realidade: se as familias se unen e acordan atrasar ese momento, redúcese a presión social e perde forza o argumento de que “todo o mundo ten móbil menos eu”.
A iniciativa non pretende cuestionar nin culpabilizar as decisións particulares de cada familia, senón ofrecer información, acompañamento e ferramentas para establecer límites compartidos. O propósito é favorecer unha relación máis saudable coa tecnoloxía, adaptada a cada idade, e protexer o benestar físico, emocional e social dos nenos, nenas e adolescentes.
A presentación contou coa participación da alcaldesa de Burela, Carmela López; do tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación, Mario Pillado; da coordinadora da Estratexia de Saúde e farmacéutica do Centro de Saúde de Burela, Catalina Camaño; e da directora do Hospital Público da Mariña, María José Cortés.
A Estratexia de Saúde do Concello de Burela reúne as distintas administracións, entidades e profesionais vinculados aos ámbitos sanitario, educativo, social, cultural e deportivo. Esta colaboración permite traballar na promoción da saúde desde unha perspectiva transversal e comunitaria, incorporando actuacións que inciden directamente nos hábitos e no benestar da veciñanza.
A nova campaña dá continuidade ao traballo que o Concello vén desenvolvendo dentro desta estratexia. O pasado curso púxose en marcha a iniciativa dos Camiños Escolares Seguros, pola que se continúa apostando este ano. Cada mércores, Gaia seguirá acompañando os nenos e nenas no seu percorrido a pé ata o colexio, promovendo a actividade física, a autonomía persoal e unha mobilidade máis segura e sostible.
O Concello anima as familias de Burela a informarse e adherirse ao pacto mediante o código QR ou a ligazón dispoñible nos materiais da campaña. Cantas máis familias se sumen, máis doado será atrasar colectivamente o acceso ao primeiro smartphone e reducir a presión que soportan tanto os nenos e nenas como as súas propias familias.