Burela impulsa un investimento de máis de 600.000€ para garantir o futuro das instalacións do campo da Marosa preservando a súa identidade
Burela, 29 de maio de 2026. O Concello de Burela acometerá unha importante actuación de conservación e mellora no campo de fútbol da Marosa grazas ao investimento de máis de 600.000 euros aprobado este venres pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo.
Trátase dunha actuación estratéxica para o municipio porque permitirá desencallar unha situación que se prolongaba desde hai anos. A reforma da grada norte chegou a licitarse en dúas ocasións sen que puidese executarse e agora, grazas a este acordo, ábrese unha oportunidade para abordar o futuro da instalación desde unha perspectiva baseada no rigor técnico, na seguridade e na procura de solucións que permitan conservar a os elementos máis emblemáticos do campo, como os vestiarios.
A Alcaldesa, Carmela López Moreno, destacou que este investimento supón “un paso moi importante para garantir o futuro das instalacións do campo da Marosa e para dar resposta a un problema que temos”.
“A Marosa forma parte da historia de Burela. Aquí vivíronse momentos moi importantes para o noso deporte e para a vida social do municipio. Por iso queremos afrontar esta actuación con responsabilidade, pensando non só nas necesidades actuais, senón tamén no valor histórico e sentimental que ten este espazo para moitas xeracións de burelesas e bureleses”, sinalou a rexedora.
A intervención executarase en dúas anualidades para garantir unha planificación ordenada dos traballos e compatibilizar, na medida do posible, o uso das instalacións coa execución das obras.
Durante a primeira fase, prevista para este ano 2026, levaranse a cabo as actuacións máis urxentes. Entre elas figuran os traballos de conservación da grada sur, a elaboración dos informes técnicos e da documentación necesaria para avaliar o estado da grada norte, así como a adopción de medidas provisionais de seguridade, a retirada dos elementos deteriorados e distintas actuacións de consolidación estrutural.
Esta primeira etapa será fundamental para coñecer con exactitude o estado das estruturas e definir con rigor técnico os seguintes pasos a dar. Ademais, permitirá estudar distintas alternativas para o futuro da instalación, buscando solucións viables e respectuosas coa súa identidade.
Neste sentido, Carmela López avanzou que unha das prioridades do Concello será analizar todas as opcións posibles para intentar conservar os vestiarios orixinais do campo.
“A nosa vontade é esgotar todas as vías posibles para intentar salvar os vestiarios históricos. Sabemos o que representan para moitas persoas e queremos buscar solucións que permitan compatibilizar a necesaria mellora das instalacións coa conservación daqueles elementos que forman parte da memoria colectiva de Burela”, explicou.
A segunda fase da actuación, prevista para 2027, permitirá continuar cos traballos de mellora das instalacións, incluíndo a actuación sobre a cuberta, as bancadas, os asentos, as varandas e os espazos de servizo, reforzando a seguridade, a accesibilidade e a funcionalidade do recinto.
A Alcaldesa subliñou que o Goberno municipal afronta esta actuación coa vontade de compatibilizar a necesaria mellora das instalacións coa conservación daqueles elementos que forman parte da súa identidade, apostando polo rigor técnico e pola procura de solucións que permitan preservar a esencia dun espazo que leva máis de medio século formando parte da vida deportiva e social do municipio.
“Queremos que A Marosa siga sendo A Marosa. Queremos mellorar o campo, facelo máis seguro e adaptalo ás necesidades actuais, pero sen renunciar á súa historia nin ao que representa para tantas xeracións de veciños e veciñas”, concluíu.
Con esta actuación, o Concello de Burela reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas municipais e coa conservación daqueles espazos que forman parte da identidade colectiva da vila.