Burela impulsa a súa oferta turística para a Semana Santa con visitas ao molde do faro, rutas xeolóxicas e patrimonio local
- Dúas rutas xeolóxicas, un percorrido pola Vila do Medio e as vistas ao Barco Museo Boniteiro completan a oferta entre o 1 e o 4 de abril
Burela, 20 de marzo de 2026. O Concello de Burela presenta a súa programación de actividades culturais e turísticas con motivo da Semana Santa deste ano. O programa inclúe rutas xeolóxicas, visitas guiadas ao patrimonio histórico e natural do municipio, e actividades para coñecer de preto o municipio e o seu patrimonio.
Os días 2, 3 e 4 de abril concentrarán o maior número de propostas. Como novidade este ano, o venres 3 de abril ás 16:30 horas terá lugar unha visita guiada gratuíta ao molde do faro. Durante a actividade, as persoas asistentes poderán coñecer a historia da baliza de Pena Burela e acceder ao interior do molde para contemplar a obra artística realizada por David Catá. Para asistir é necesario facer unha reserva previa na oficina de turismo.
As rutas xeolóxicas, xa consolidadas na programación turística do municipio, volverán ofrecer dúas propostas guiadas e interpretadas por unha xeóloga. O venres 3 de abril desenvolverase a ruta da Marosa, en horario de 10:30 a 13:30 horas, mentres que o sábado 4 de abril terá lugar a ruta do Perdouro, no mesmo horario. Ambas actividades son gratuítas, pero requiren reserva previa, e terán como punto de saída a oficina de turismo.
Ademais, o sábado 4 de abril realizarase unha visita guiada pola Vila do Medio, que permitirá coñecer a Burela rural e a súa igrexa, onde se conservan pinturas de finais do século XV. Trátase dunha proposta gratuíta, que tamén require reserva previa.
O Barco Museo Boniteiro ‘Reina del Carmen’ tamén se integra na programación, permanecendo aberto de martes a sábado con visitas ás 11:00, 12:00, 13:00, 17:00 e 18:00 horas. A asistencia precisa reserva previa a través da web reservasbarcoboniteiro.burela.org.
“As propostas desta Semana Santa buscan poñer en valor tanto o patrimonio histórico como o natural do noso concello. Queremos que veciños e visitantes poidan gozar dunha experiencia completa, coñecendo Burela dun xeito diferente e ameno”, sinala o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández. “Seguimos apostando por actividades que se consolidaron nos últimos anos, e a previsión de visitantes é moi positiva”.
As reservas para as rutas xeolóxicas, a visita á Vila do Medio e a visita ao molde do faro deberán formalizarse na oficina de turismo, de xeito presencial, chamando ao teléfono 982 888 506 ou a través do correo electrónico oficinadeturismo@burela.org.