• Galego
  • Español

Burela estrea un Concurso de Pesca Xuvenil para achegar a pesca recreativa ás novas xeracións

  • A iniciativa, promovida pola Asociación de Pesca Recreativa de Burela coa colaboración do Concello e da Fundación Expomar, reunirá o 22 de agosto no Porto de Burela participantes de entre 6 e 14 anos

Burela, 13 de agosto de 2026. Burela celebrará o vindeiro sábado 22 de agosto o I Concurso de Pesca Xuvenil, unha nova iniciativa da Asociación de Pesca Recreativa de Burela que conta coa colaboración do Concello de Burela e da Fundación Expomar. A actividade desenvolverase entre as 16:00 e as 18:00 horas no Espigón da Lonxa e está dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, co obxectivo de incorporar ós máis novos a unha actividade estreitamente vinculada coa tradición e coa cultura marítima de Burela.

O gañador ou gañadora será o participante que consiga o maior número de capturas, sen que o tamaño determine a clasificación, e no caso de empate, decidirase segundo o peso das capturas. As pezas que non dean a talla deberán ser devoltas ao mar, de acordo co establecido nas bases da convocatoria.

Os tres primeiros clasificados recibirán un trofeo e un premio sorpresa, mentres que todos os demais participantes serán agasallados cunha medalla. A Asociación encargarse tamén de facilitar o material necesario para participar.

O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández, destaca que esta primeira edición supón “unha maneira de achegar a pesca aos máis pequenos e de facer que descubran desde idades temperás unha actividade que forma parte da nosa relación co mar”.

“En Burela falamos moito da importancia de manter viva a nosa cultura marítima e de transmitir ás novas xeracións o vínculo que temos co mar. Iniciativas como esta permiten facelo desde a participación e dun xeito pensado especificamente para os nenos e nenas”, sinala Fernández.

A inscrición xa está aberta a través do enderezo asociacionpescarecreativaburel@gmail.com. Para participar será necesario indicar os datos do menor e da persoa adulta que o acompañará, incluíndo nome, apelidos e DNI desta última, así como a relación do menor coa Asociación, xa que terá prioridade a rapazada con familiares directos dos socios, e un teléfono de contacto.