• Galego
  • Español

Burela estará presente en Cabo Verde no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’

  • A alcaldesa, Carmela López, participará como relatora nun foro internacional sobre liderado feminino no ámbito municipal e aproveitará o encontro para poñer en valor a relación histórica e social entre Burela e a comunidade caboverdiana

Burela, 10 de marzo de 2026. A alcaldesa de Burela e presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, acompañada pola concelleira de Economía, Patricia Eijo, participará os días 12 e 13 de marzo na cidade de Praia (Cabo Verde) no II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, un foro internacional centrado no liderado feminino na política local que reunirá a máis de 130 alcaldesas e concelleiras de Cabo Verde, Mozambique e Galicia.

Carmela López foi convidada a participar neste encontro polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que organiza o evento xunto coa Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde baixo o lema “Electas no local, unha voz global”.

No marco das xornadas, a alcaldesa intervirá como relatora na mesa internacional Boas prácticas municipais con enfoque de xénero. Experiencias de Cabo Verde, Mozambique e Galicia. Durante a súa intervención, compartirá iniciativas desenvolvidas dende o ámbito local e a súa experiencia no municipalismo e á fronte da Deputación de Lugo, incidindo no papel que teñen os concellos como administracións máis próximas á cidadanía á hora de impulsar políticas públicas que favorezan a igualdade.

A alcaldesa sinala que participar neste foro internacional supón “unha enorme responsabilidade e tamén unha gran satisfacción poder participar neste foro, no que se dan cita alcaldesas e responsables municipais de distintos países para reflexionar e avanzar xuntas cara a unha política mellor”.

Un dos aspectos que a rexedora porá especialmente en valor durante o encontro será a relación social e histórica que une Burela con Cabo Verde. A alcaldesa destacou que “ao longo das últimas décadas, a presenza da comunidade caboverdiana converteuse nun elemento esencial da vida social, cultural e económica da vila, creando fortes vínculos familiares, afectivos e comunitarios”.

Neste sentido, Carmela López destaca que Burela é “un exemplo de convivencia, diversidade e integración”, e considera “especialmente significativo poder compartir esta realidade nun foro internacional no que participan representantes institucionais de países con fortes vínculos históricos e sociais”.

A axenda institucional en Cabo Verde incluirá tamén diferentes encontros e visitas institucionais, entre elas unha reunión na Embaixada de España no país e visitas ás localidades de Ribeira Grande de Santiago e Porto Mosquito, co obxectivo de coñecer de primeira man a realidade social e institucional do territorio e reforzar os vínculos existentes entre Cabo Verde e a provincia de Lugo.