• Galego
  • Español

Burela entrega os premios do I Concurso de Pesca Xuvenil

  • A iniciativa da Asociación de Pesca Recreativa de Burela, coa colaboración do Concello e da Fundación Expomar, achegou a pesca recreativa ás novas xeracións
  • Hugo Díaz González resultou gañador con 47 capturas, seguido de Daniel Rodríguez López con 28 e Daniel Franco Fernández con 27

Burela, 23 de agosto de 2026. Burela celebrou a primeira edición do seu Concurso de Pesca Xuvenil, unha iniciativa promovida pola Asociación de Pesca Recreativa de Burela coa colaboración do Concello de Burela e da Fundación Expomar, co obxectivo de achegar a pesca recreativa ás novas xeracións e favorecer o seu contacto cunha actividade estreitamente vinculada coa tradición e coa cultura marítima de Burela.

Ao remate da actividade tivo lugar a entrega de premios aos participantes. Os tres primeiros clasificados recibiron un trofeo e un premio sorpresa, mentres que o resto dos nenos e nenas participantes recibiron tamén unha medalla. Houbo un total de 20 participantes de entre 6 e 14 anos.

Hugo Díaz González, asturiano pero veraneante en Burela, onde practica habitualmente a pesca, resultou gañador con 47 capturas. Foi seguido de Daniel Rodríguez López con 28 e Daniel Franco Fernández con 27, ambos burelaos e afeccionados á pesca.

O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández, destacou que esta primeira edición foi “unha maneira de achegar a pesca aos máis pequenos e de facer que descubran desde idades temperás unha actividade que forma parte da nosa relación co mar”, e quixo poñer en valor o gran traballo desenvolvido pola asociación organizadora e a colaboración da Fundación Expomar.

“En Burela falamos moito da importancia de manter viva a nosa cultura marítima e de transmitir ás novas xeracións o vínculo que temos co mar. Iniciativas como esta permiten facelo desde a participación e dun xeito pensado especificamente para os nenos e nenas”, sinalou Fernández.