• Galego
  • Español

Burela converterá os areais en espazos máis vivibles. Así o asegurou a Alcaldesa, Carmela López, tras a xuntanza mantida hoxe polo comité de praias

Burela, 13 de xullo de 2023. Burela converterá os areais en espazos máis vivibles. Así o asegurou a alcaldesa, Carmela López, tras a xuntanza mantida hoxe polo comité de praias na que se abordaron cuestións como a limpeza ou a falla de socorristas.

A rexedora e presidenta do comité de praias contou que “o que fixemos neste encontro foi por en valor os centros azuis (a Aula Medio Ambiental Gaia e o barco museo Reina del Carmen), onde se izará a bandeira marcando este como o acto institucional principal”.

Enriba da mesa estivo tamén a escaseza de socorristas: “abordamos a problemática que sufrimos un verán máis ante a falla de socorristas e a xestión realizada desde Burela ao contratar aos técnicos sanitarios. Coas posibilidades que tiña enriba da mesa o pasado 19 de xuño a opción elixida foi a mellor”. E engadiu: “esta mañá tamén falamos de posibles alternativas de cara ao vindeiro ano. Imos trasladarlle á Fegamp e á Mancomunidade -xa coñecedores da problemática e de que o sistema actual marcado pola Xunta de Galicia non funciona- a necesidade de tentar alcanzar melloras e así evitar que isto se converta nunha loita entre concellos para conseguir socorristas para as nosas praias”. Para Carmela López “tal e como está plantexado na actualidade queda claro que o sistema falla e vese que favorece a contratación de servizos privados ”.

A rexedora contou que “tamén analizamos a limpeza que estamos a realizar nas praias, así como as inversións que estamos a facer en sinalización e en mobiliario, investimos en cambiadores novos porque precisan ser substituídos. Levo a Concellería de Medio Ambiente e son a presidenta deste comité de praias e quero investir e darlle un xiro á vida das nosas praias porque xullo e agosto non son suficientes”.

López subliñou que “a proposta que levei a esta reunión é converter as praias en espazos máis vivibles, queremos que a vida nos areais non se limite so aos meses de xullo e agosto, senón que é preciso anticiparse en todo, é dicir preparar as praias antes e que a partir de xuño poidamos gozar delas”.

O secretario do comité de praias, Mario Pillado, sinalou que “emprazamos aos membros do comité a unha nova convocatoria trala tempada estival para facer balance da mesma, así como tamén anunciamos que o vindeiro ano farase unha convocatoria previa, na primavera, para preparar a nova tempada de verán. Deste xeito buscamos a maior anticipación e previsión posible”.

O comité de praias está formado por: Carmela López Moreno (Alcaldesa e presidenta do comité); Ramiro Fernández Rey (Concelleiro de Obras e Servizos e coordinador do comité); Mario Pillado Mon (Concelleiro de Educación e secretario do comité); Félix Alberto Martins GonÇalves (representante do grupo municipal do Partido Popular); Alberto Eiroá Pérez (representante do grupo mixto); Juan Luis Moreno Cazorla (representante da empresa de abastecemento e saneamento de auga); Luis Torre e Belén González (representantes da empresa de xestión dos residuos); Jose Emilio García López (xefe de Protección Civil); José Manuel Rey Barcia (representante da asociación de veciños O Vencello) e  Manuel Vicente Galdón Couto (xefe da Policía Local).