• Galego
  • Español

Burela continúa mellorando a accesibilidade coa actuación no cruce de Arcadio Pardiñas con Eijo Garay

Burela, 26 de setembro de 2026.  O Concello de Burela continúa executando as medidas recollidas no Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) e avanzando na mellora da accesibilidade da vila. Nesta ocasión, os traballos están xa en marcha no cruce de Arcadio Pardiñas con Eijo Garay e Celso Emilio Ferreiro, un punto cun importante tránsito tanto peonil como rodado.

A actuación permitirá dar continuidade á beirarrúa de Eijo Garay e ampliar a esquina de Arcadio Pardiñas, facilitando un percorrido peonil máis directo, cómodo e seguro. A nova configuración permitirá tamén ordenar mellor este espazo.

Trátase dun punto identificado especificamente no PMUS pola intensidade do fluxo peonil e polos cruces que se realizan seguindo o percorrido natural entre ambas rúas. Ademais, forma parte do itinerario peonil prioritario que conecta os centros escolares co centro urbano.

A alcaldesa, Carmela López, sinala que “seguimos levando á rúa as medidas do Plan de Mobilidade. Non queremos que sexa un documento que quede nun caixón, senón unha ferramenta para ir transformando Burela, actuación a actuación”.

López destaca que “a accesibilidade e unha mobilidade máis amable son unha parte fundamental do modelo de vila que queremos para Burela. Cada actuación que executamos significa eliminar unha dificultade, facer máis seguro un percorrido ou facilitar que todas as persoas poidan moverse mellor por Burela”.

A rexedora engade que “neste caso actuamos ademais nun percorrido moi utilizado no día a día e na conexión cos centros escolares. Son intervencións moi concretas que, sumadas, van facendo unha Burela máis accesible, máis cómoda e máis pensada para as persoas”.