Burela conmemora o Día Internacional contra a Discriminación Racial cunha exposición e un encontro aberto á veciñanza
- A programación inclúe a inauguración dunha mostra con traballos de edicións anteriores e unha xuntanza o 27 de marzo para compartir novas creacións
Burela, 11 de marzo de 2026. O Concello de Burela, a través da Área de Inmigración, organiza varias actividades arredor do 21 de marzo, Día Internacional contra a Discriminación Racial, co obxectivo de promover a reflexión sobre a diversidade e a convivencia intercultural no municipio.
Dentro desta programación, o venres 20 de marzo ás 18:00 horas inaugurarase na Casa da Cultura unha exposición composta por traballos presentados nas últimas edicións do concurso que se viña celebrando arredor desta conmemoración. A mostra recolle creacións moi diversas realizadas por veciñas e veciños de Burela, con participación de persoas de distintas idades e procedencias.
Entre as obras expostas atópanse pezas de autores e autoras que participaron de maneira habitual nestas iniciativas. Un dos exemplos é o da artista de orixe indonesia Shiva, cuxo traballo xa fora utilizado para o cartaz do pasado ano e que nesta edición tamén se recupera para a imaxe da programación.
Segundo sinalou o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, “con esta exposición queremos tamén recoñecer todo o traballo que moitas persoas de Burela foron realizando ao longo destes anos, porque detrás de cada obra hai unha reflexión e unha mensaxe en favor da convivencia e do respecto”.
Como novidade nesta edición, o Concello decidiu deixar atrás o formato competitivo do concurso para apostar por unha iniciativa máis participativa centrada no intercambio de experiencias. Neste sentido, o 27 de marzo ás 12:00 horas no salón de plenos do Concello celebrarase unha xuntanza aberta á participación de todas as persoas que desexen compartir un traballo relacionado coa diversidade e a loita contra a discriminación racial.
As persoas participantes poderán presentar as súas creacións no formato que desexen, xa sexa físico ou dixital, e realizar unha breve explicación do significado da súa obra. Por motivos de organización, solicítase confirmar previamente a asistencia no Concello, no teléfono 982 586 000 ou no correo integracioninmigrantes@burela.org.
Pillado explicou que esta nova fórmula busca poñer o foco no diálogo e na reflexión colectiva. “Cremos que a diversidade ten máis que ver con compartir experiencias e coñecementos que con competir por un premio”, afirmou.
Ademais destas actividades puntuais, dende a Área de Inmigración lembran que durante todo o ano desenvólvense accións de sensibilización no eido da multiculturalidade, especialmente nos centros educativos do municipio. Entre elas inclúense propostas como a OCA Inmigrante ou encontros con persoas referentes no ámbito das migracións.
Segundo destacou Mario Pillado, “o traballo contra calquera tipo de discriminación é unha tarefa contínua e a educación e a sensibilización son ferramentas fundamentais para construír unha sociedade máis xusta e respectuosa”.