Burela combina paseo e charla para fomentar hábitos de alimentación saudable
Burela, 27 de marzo de 2026. O Concello de Burela desenvolveu esta mañá unha nova actividade centrada na promoción de hábitos de vida saudables, que consistiu nun paseo saudable seguido dunha sesión informativa sobre alimentación saudable.
A iniciativa tivo lugar na Biblioteca do Centro de Saúde de Burela, nunha acción organizada no marco da Estratexia Nacional de Saúde do Concello en colaboración co propio Centro de Saúde, co que se desenvolven habitualmente este tipo de paseos.
A sesión foi impartida por profesionais da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e estivo centrada na divulgación de contidos relacionados cunha alimentación equilibrada. Durante a actividade abordáronse aspectos teóricos e prácticos, incluíndo ferramentas como o prato de Harvard, a preparación saudable dos alimentos e a planificación de menús.
O obxectivo da xornada foi facilitar á veciñanza recursos e coñecementos que contribúan á incorporación de hábitos saudables no día a día, promovendo que a opción máis saudable sexa tamén a máis accesible.
O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, puxo en valor este tipo de accións, sinalando que “estas iniciativas permiten reforzar o compromiso do Concello coa promoción da saúde e achegar ferramentas útiles á cidadanía para mellorar a súa calidade de vida”.