• Galego
  • Español

Burela celebrou o II Pleno Infantil coa participación dos catro centros educativos do municipio

O alumnado presentou a súa visión sobre os dereitos da infancia e a versión infantil do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello, elaborada conxuntamente polos dous institutos

Burela, 19 de novembro de 2026. O Concello de Burela celebrou hoxe o II Pleno Infantil, unha iniciativa enmarcada nos actos do Día Mundial da Infancia, que se conmemora mañá, 20 de novembro, e que coincide este ano co 80 aniversario de UNICEF.

A sesión contou coa participación de representantes dos catro centros educativos do municipio: o IES O Perdouro, o IES Monte Castelo, o CEIP Os Castros e o CEIP Vista Alegre, que tiveron a oportunidade de trasladar as súas reflexións e propostas sobre a infancia e os seus dereitos.

Os rapaces e rapazas realizaron unhas presentacións nas que demostraron o seu traballo e implicación. En concreto, os representantes do IES O Perdouro e do IES Monte Castelo presentaron a versión infantil do Plan de Infancia e Adolescencia do Concello de Burela, que elaboraron de forma conxunta.

Pola súa banda, o alumnado dos CEIP Os Castros e Vista Alegre compartiu o seu punto de vista sobre os 80 anos de historia de UNICEF e os dereitos da infancia.

O pleno converteuse así nun espazo de participación no que os nenos, nenas e adolescentes puideron expresar as súas ideas e achegar a súa visión sobre cuestións que lles afectan directamente. A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a calidade das presentacións e a implicación do alumnado e sinalou que "foi unha satisfacción escoitar de primeira man as súas ideas e reflexións. Demostraron que teñen moito que achegar e que a súa voz debe ser escoitada".

O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Educación e Xuventude, Mario Pillado, destacou tamén a importancia da implicación dos centros educativos e do profesorado para facer posible este tipo de iniciativas, que permiten dar voz á infancia e á adolescencia e incorporar as súas achegas á vida municipal.