• Galego
  • Español

Burela celebra o domingo 22 de novembro a V Andaina contra a Violencia de Xénero

Burela, 19 de novembro de 2026. O Concello de Burela, a través do Centro de Información á Muller (CIM), organiza este domingo 22 de novembro a V Andaina contra a violencia de xénero, un dos actos centrais da programación municipal arredor do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A andaina sairá ás 11:00 horas da Praza do Concello, onde tamén rematará. Trátase dunha ruta circular de 8 km e baixa dificultade, pensada para que poida participar toda a veciñanza, sen importar a idade nin a forma física. A actividade conta coa colaboración de Pasada das Cabras e está financiada con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a través da Secretaría de Estado de Igualdade.

"Camiñar xuntas e xuntos é a mellor forma de dicir alto e claro que en Burela non hai sitio para a violencia machista", sinalou Sandra Fernández, concelleira de igualdade. "Xa van cinco edicións e cada ano somos máis, o que demostra o compromiso da veciñanza coa igualdade. Animamos a todo o mundo a participar, porque o importante é estar".

Pola súa banda, a alcaldesa de Burela, Carmela López, salientou que "a loita contra a violencia machista ten que ser un compromiso de toda a sociedade, todos os días do ano. Iniciativas como esta andaina permiten que a veciñanza saia á rúa e faga visible que Burela é unha vila que non mira para outro lado. Quero agradecer o traballo do CIM e a colaboración de Pasada das Cabras, e convidar a todas as persoas a que nos acompañen o domingo".