• Galego
  • Español

Burela celebra o Día de Rosalía con actividades en varios centros educativos do municipio

Burela, 23 de febreiro de 2026. Na mañá de hoxe varios centros escolares de Burela acolleron diversas actividades educativas e literarias para conmemorar o Día de Rosalía de Castro.

A xornada comezou a primeira hora da mañá no IES Monte Castelo, onde o tenente de alcaldesa, Mario Pillado, participou na inauguración do maratón de lectura organizado polo propio centro educativo.

Ás 12:00 horas, o CEIP Vista Alegre acolleu un recital de poemas da escritora galega musicados, realizado en colaboración coa Escola Municipal de Música. A actividade combinou lectura e interpretación musical co obxectivo de promover unha aproximación creativa á obra Rosalía.

Posteriormente, ás 12:20 horas, alumnado de oratoria do IES Perdouro participou tamén na celebración cun recital de textos da autora, sumándose así á programación conmemorativa da xornada.

Segundo declarou Mario Pillado, estas actividades buscan “poñer en valor a figura de Rosalía de Castro e fomentar o interese pola lingua e pola literatura galega entre o alumnado”, destacando a implicación dos centros educativos na organización das propostas culturais.