• Galego
  • Español

Burela brillará en FITUR como destino imprescindible do Cantábrico

Burela, un tesouro escondido no corazón da Mariña lucense, chega a FITUR 2025 disposta a reivindicar o seu lugar como unha das vilas mariñeiras máis destacadas do norte de España.

Esta pequena vila, cunha extensión de menos de 8 quilómetros cadrados, é moito máis ca unha postal mariñeira: é unha experiencia para os sentidos e un refuxio para quen busca calidade de vida, natureza e sabor. En Burela todo está a menos de 15 minutos: praias, servizos, historia e cultura mestúranse para conquistar aos visitantes de FITUR.

Capital do Bonito do Norte e a súa Feira

O bonito do Norte é o embaixador gastronómico por excelencia de Burela. Este produto estrela, que leva o sabor do Atlántico aos mellores mercados, é o protagonista indiscutible da afamada Feira do Bonito. Declarada Festa de Interese Turístico Nacional, esta celebración non só honra a nosa tradición pesqueira, senón que é unha porta aberta á hospitalidade e á paixón que definen á nosa xente.

Burela: porto estratéxico e museo flotante

O porto de Burela é un dos máis relevantes do Cantábrico e un motor económico para a nosa vila. Este espazo non só é epicentro de actividade pesqueira, senón que ofrece a oportunidade de mergullarse na historia do mar a través do Barco Museo "Reina del Carmen", onde as persoas visitantes poden vivir unha experiencia auténtica e educativa sobre a vida dos mariñeiros e a riqueza do Atlántico.

Xeorutas e o esplendor natural da rasa cantábrica

Os amantes da natureza atoparán en Burela un paraíso xeolóxico. As nosas xeorutas pola rasa cantábrica ofrecen unha inmersión única nunha paisaxe esculpida pola natureza ao longo de milleiros de anos. Ademais, as nosas praias de area dourada e augas tranquilas son o lugar perfecto para desconectar e deixar que o son das ondas sexa o único protagonista.

Osa do Mar: cultura e creatividade

Burela é tamén sinónimo de cultura e creatividade. O festival Osa do Mar é un evento clave que atrae música, arte e bo ambiente á nosa vila, consolidándonos como un punto de referencia para os amantes das novas propostas musicais.

Calidade de vida e encanto urbano

Burela é a combinación perfecta entre a tranquilidade dunha vila mariñeira e a comodidade dunha pequena cidade urbanita. Con todos os servizos ó alcance e unha temperatura suave durante todo o ano, é o destino ideal para quen busca desconectar sen renunciar á comodidade.

Burela preséntase en FITUR como unha vila que sabe combinar tradición e modernidade, un lugar onde o mar conta historias e a xente abre os brazos. Un destino que engancha os sentidos e invita a volver.

Descubre Burela, onde o Cantábrico cobra vida.