Burela avanza na reforma integral da praza da Rúa Rosalía de Castro cun investimento de preto de 200.000,00 euros
- A praza contará con zonas verdes e de sombra, dúas pérgolas de madeira, mobiliario urbano, espazos de descanso, xogos de mesa, petanca e aparcabicis
Burela, 17 de setembro de 2026. O Concello de Burela está reformando integralmente a praza situada na Rúa Rosalía de Castro nº 61, unha actuación que ten o obxectivo de transformar un espazo deteriorado nunha zona máis accesible, cómoda e pensada para o encontro e o descanso da veciñanza.
Os traballos contan cun investimento total de 199.060,77 euros, dos que a Deputación de Lugo achega 189.604,47 euros a través do Plan Deputación 2025, mentres que os 9.456,30 euros restantes son aportados polo Concello de Burela. A empresa adxudicataria é Novavial, S.L.
A intervención abrangue aproximadamente 825 m² en total entre a praza e a beirarrúa, e permitirá gañar espazo para as persoas, renovar os pavimentos e ampliar a zona peonil.
A nova praza contará con zonas verdes e de sombra, dúas pérgolas de madeira, mobiliario urbano, espazos de descanso, xogos de mesa, petanca e aparcabicis. Pola súa proximidade á residencia de maiores, o proxecto busca tamén crear un espazo accesible e cómodo para persoas de todas as idades.
“Estamos recuperando un espazo que necesitaba unha actuación e transformándoo nun lugar para as persoas", sinala a alcaldesa de Burela, Carmela López.
"É unha reforma importante, de preto de 200.000,00 euros, que nos permitirá gañar unha praza máis accesible, con zonas verdes, sombra e espazos para sentarse, xogar e compartir tempo", engade a rexedora.