• Galego
  • Español

Burela alza a voz contra a violencia machista nun emotivo acto polo 25N

Burela, 26 de novembro de 2026. O Salón de Plenos do Concello de Burela quedou pequeno onte para acoller o acto central do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Nunha xornada cargada de emotividade, mulleres de diferentes ámbitos do tecido asociativo local uniron as súas voces para reclamar unha sociedade libre de violencias machistas.

No acto participaron representantes da Asociación Saúde Mental A Mariña, a Fundación Eu Son, AFAN Burela, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, a Asociación de Amas de Casa Praia da Marosa, a Cofradía de Pescadores San Juan Bautista, o Reyco Burela Fútbol Sala e Cruz Vermella, que puxeron voz a realidades que moitas veces permanecen invisibilizadas.

"Onte demostramos que a loita contra a violencia machista é un compromiso colectivo. Escoitar mulleres tan diversas, cada unha dende a súa realidade, foi moi emocionante e lémbranos que todas as voces son necesarias e que ningunha muller pode quedar atrás. Quero agradecer de corazón a implicación de todas as asociacións e entidades participantes, e tamén o traballo diario do equipo do Centro de Información á Muller, pola súa profesionalidade e o seu compromiso coa igualdade, coa prevención e co acompañamento ás mulleres", sinalou a concelleira de Igualdade, Sandra Fernández.

O acto foi o eixo central da programación municipal arredor do 25N, que incluíu tamén a V Andaina contra a violencia de xénero e actividades nos centros educativos do municipio.

Pola súa banda, a alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que "ver o Salón de Plenos cheo é a mellor mostra de que Burela é unha vila comprometida coa igualdade. O 25N non pode ser só unha data no calendario: a nosa obriga como institución é traballar todos os días para que as mulleres poidan vivir libres e sen medo, e para iso seguiremos contando coas asociacións locais e coa implicación de toda a veciñanza".