Burela acolle as XXI Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, centradas na sexualidade
- As xornadas desenvolveranse entre o 5 de novembro e o 7 de novembro e reúnen a profesionais da psicoloxía de toda Galicia
Burela, 7 de novembro de 2026. Burela converteuse dende onte no punto de encontro da psicoloxía galega coa celebración das XXXI Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), que este ano levan por título Fragmentos dun discurso sobre sexualidade.
O programa aborda a sexualidade dende perspectivas feministas, históricas, antropolóxicas e transdisciplinares. Ao longo das sesións trátanse cuestións como a diversidade sexual ao longo do ciclo vital, a sexualidade na infancia e na adolescencia, as historias LGBTQ+, a sexualidade en distintas situacións de saúde e enfermidade, os dereitos e a calidade de vida, ou a atención psicolóxica en contextos de violencia sexual e a súa prevención.
"É un orgullo que o Colexio Oficial de Psicoloxía elixise Burela para celebrar unhas xornadas cunha traxectoria tan longa e un prestixio tan recoñecido. Agradecemos a súa confianza e damos a benvida a todas as persoas participantes, esperando que se sintan como na casa", sinalou a alcaldesa, Carmela López. "Acoller este tipo de encontros reforza o papel de Burela como vila aberta ao coñecemento e permítenos poñer o foco en temas tan importantes para a saúde e o benestar das persoas como a sexualidade, os dereitos e a prevención da violencia", engadiu.