• Galego
  • Español

Burela acolle unha xornada de “Pesca Saúde” centrada nos beneficios do peixe na infancia

  • O evento, aberto ao público, celebrarase o martes 12 de maio na Casa do Concello no marco da Estratexia Saúde do Concello de Burela e contará coa intervención da pediatra Consuelo Lobelle Fernández

Burela, 6 de maio de 2026. A Casa do Concello de Burela acollerá o vindeiro martes 12 de maio, ás 19:30 horas, unha sesión das xornadas técnicas do proxecto “Pesca Saúde”, baixo o título «Os segredos do peixe: como inflúe no cerebro e no crecemento da infancia» no marco da Estratexia Saúde do Concello de Burela.

A actividade estará aberta ao público sen necesidade de inscrición previa. A sesión contará coa participación da pediatra de atención primaria Consuelo Lobelle Fernández, quen centrará a súa intervención nos beneficios do consumo de peixe no desenvolvemento cognitivo e no crecemento infantil.

Consuelo Lobelle Fernández é licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela, onde tamén obtivo o doutoramento e completou a súa especialidade no Hospital Universitario de Santiago de Compostela. Actualmente exerce no Centro de Saúde Illas Canarias, en Lugo, e conta cunha ampla experiencia no diagnóstico de enfermidades infantís.

Segundo explicou o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, “seguimos a traballar na Estratexia de Saúde do Concello con propostas que achegan coñecemento útil á cidadanía e axudan a poñer en valor hábitos de vida saudables”.

“Pesca Saúde” está financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar. No proxecto participan sete GALP de distintas zonas do litoral galego, baixo a coordinación do GALP Costa Sostible, e conta coa colaboración da Consellería de Sanidade, integrando as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo coa Estratexia Galega de Saúde Comunitaria 2023-2027.