Burela acolle unha programación especial con motivo da eclipse solar total de agosto
- O municipio será un dos mellores lugares de España para observar a eclipse, cunha duración da totalidade de preto de 1 minuto e 49 segundos
- Charlas, obradoiros e unha ruta de observación das perseidas, todas elas gratuítas, para achegar á cidadanía ao fenómeno astronómico que terá lugar o vindeiro 12 de agosto
Burela, 30 de xullo de 2026. Burela inicia o mes de agosto coa vista posta na eclipse solar total que terá lugar o vindeiro 12 de agosto, xa que, segundo os datos do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o municipio será un dos mellores lugares de España para observar este fenómeno, cunha duración da totalidade de preto de 1 minuto e 49 segundos.
Ante esta oportunidade, a Deputación de Lugo e o Concello de Burela desenvolverán unha programación especial para que veciños, veciñas e visitantes poidan vivir este acontecemento astronómico nas mellores condicións. A Deputación patrocina as actividades que se desenvolverán no marco de Produart e da Feira do Bonito, así como o reparto gratuíto de lentes homologadas para a observación segura da eclipse.
As lentes entregaranse durante as actividades específicas organizadas arredor da eclipse e tamén noutras actividades de verán promovidas polo Concello de Burela, ata esgotar existencias, co obxectivo de facilitar que o maior número posible de persoas poidan gozar deste fenómeno con todas as garantías de seguridade.
Dentro desta programación, o domingo 2 de agosto, no marco da Feira do Bonito e Produart, o divulgador astronómico Antonio Pazos Pérez impartirá ás 13.00 horas na Nave de Redes a charla ‘Astronomía básica da eclipse, planificación e observación segura’. A actividade será de acceso libre e non require inscrición previa.
As propostas continuarán o sábado 8 de agosto no Monte Castelo cunha xornada divulgativa que combinará un coloquio e dous obradoiros. Ás 11.00 horas celebrarase unha charla aberta na que se explicarán as características da eclipse e se ofrecerán recomendacións para a súa observación. Ás 12.30 horas haberá un obradoiro de observación solar, no que persoas expertas en astronomía facilitarán os medios necesarios para observar os astros, mentres que ás 17.00 horas terá lugar un obradoiro de astronomía dirixido a nenas e nenos de ata 12 anos.
Estes dous obradoiros contan con prazas limitadas e requiren reserva previa, que poderá realizarse desde o 4 de agosto a través do correo electrónico oficinadeturismo@burela.org, indicando o nome e apelidos das persoas participantes e un número de teléfono de contacto.
O propio día da eclipse, mércores 12 de agosto, Burela será escenario do fenómeno astronómico que se poderá observar desde diferentes puntos do municipio, entre eles o propio Monte Castelo ou a praia da Marosa. O inicio da totalidade da eclipse en Burela será ás 20:28h.
A programación concluirá esa mesma noite coa ruta guiada para a observación das perseidas, un itinerario de aproximadamente sete quilómetros polo Monte Castelo con saída ás 22.30 horas desde o cemiterio municipal. Para participar será necesario realizar reserva previa a partir do 5 de agosto no correo oficinadeturismo@burela.org, indicando o nome e apelidos de todas as persoas participantes, DNI e un teléfono de contacto. A actividade é gratuíta e será necesario levar lanterna ou frontal, sendo recomendable tamén o uso de chaleco reflector.
Con esta programación conxunta, en Burela aproveitarase un acontecemento astronómico excepcional para converterse nunha vila referente para a observación da eclipse e achegar a astronomía a toda a cidadanía.