• Galego
  • Español

Burela acolle o XVI Encontro de Palilleiras o próximo 16 de maio

  • O Porto de Burela será o escenario dunha xornada con demostracións, actividades e programa cultural arredor do encaixe

Burela, 4 de maio de 2026. Burela acollerá o vindeiro sábado 16 de maio a celebración do XVI Encontro de Palilleiras, organizado pola Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras As Encaixeiras, unha cita que terá como escenario principal o Porto de Burela e que incluirá diferentes actividades en distintos puntos da vila.

O evento foi presentado no Salón de Plenos do Concello de Burela, onde se destacou tanto o traballo da organización como o impacto desta xuntanza na dinamización cultural e social do municipio.

A programación desenvolverase ao longo de toda a xornada do sábado, comezando ás 10:30 horas coa recepción das palilleiras seguido da demostración de traballos ata as 13:30 horas. Ás 11:30 terá lugar a inauguración oficial e, ás 12:00, unha degustación de empanada de merluza de Burela. Durante a mañá tamén están previstas visitas ao Monte Castelo, á igrexa da Vila do Medio e á Moncloa.

Para o xantar será necesario inscribirse previamente antes do 4 de maio. De igual xeito, a organización facilita información sobre establecementos hostaleiros da vila, co obxectivo de apoiar o tecido comercial local e favorecer a actividade económica en Burela durante a xornada.

A actividade retomarase pola tarde cunha nova demostración de traballos ás 16:00 horas. Ás 17:00 celebrarase un sorteo de agasallos e o encontro concluirá ás 19:00 horas co acto de despedida.

Ademais, a xornada estará amenizada por Arume, e contará con actividades de globoflexia e pintacaras para a cativada. O programa complétase con propostas que permitirán seguir descubrindo Burela, como a visita ao Barco Museo Boniteiro "Reina del Carmen", a posibilidade de visitar os murais da Confraría ou participar nunha visita guiada á Moncloa.

No marco da presentación, a concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou “o enorme traballo que fan As Encaixeiras para sacar adiante un evento destas características, que cada ano consegue reunir en Burela a entre 600 e 700 persoas”. Tamén subliñou que “non só organizan un encontro de referencia en Galicia neste eido, senón que ademais son as mellores embaixadoras de Burela, ensinando a nosa vila a quen nos visita e levando o seu nome a cada concentración á que acoden”.

Finalmente, a concelleira indicou que “este encontro é un exemplo de como tradición, cultura e convivencia van da man, contribuíndo a dinamizar a vida cultural e social da nosa vila”.

Para más información poderase contactar coa organización a través do número 653 29 59 12 ou  do email asencaixeiras@gmail.com.