Burela acolle o curso ‘Psicoloxía Aplicada a Adolescentes' dirixido a persoal técnico deportivo
- A formación, promovida pola Estratexia Nacional de Saúde, foi impartida por Conchi Abad, directora da Unidade Asistencial de Drogodependencias
Burela, 21 de novembro de 2025. O pasado mércores 19 de novembro iniciou en Burela o curso “Psicoloxía Aplicada a Adolescentes”, unha sesión formativa dirixida ao persoal técnico deportivo do municipio, que terá a próxima cita o mércores 26 de novembro. A actividade foi promovida pola Estratexia Nacional de Saúde, da que forma parte o Concello de Burela.
A formación foi impartida por Conchi Abad, psicóloga e directora da Unidade Asistencial de Drogodependencias. O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, quixo “agradecer especialmente a participación desinteresada de Conchi Abad na impartición deste curso, así como o material cedido pola USC, que fixo posible desenvolver esta formación nas mellores condicións”.
Mario Pillado destacou que “estas accións reforzan a capacitación de quen traballa directamente coa nosa mocidade, ofrecendo ferramentas útiles para acompañala no seu día a día”. Tamén subliñou que o Concello continuará apoiando iniciativas que reforcen a prevención e a promoción da saúde no municipio.