• Galego
  • Español

Burela acolle este vernres o espectáculo 'Noches Encendidas', un tributo a Mecano, La Oreja de Van Gogh e Amaral

Burela, 18 de novembro de 2026.  A Casa da Cultura de Burela será escenario este venres, 20 de novembro, ás 20:00 horas, de Noches Encendidas, un espectáculo musical que propón unha homenaxe a Mecano, La Oreja de Van Gogh e Amaral a través dunha experiencia na que a música en directo e a iluminación crean unha atmosfera íntima e especial.

A proposta combina as voces en directo con arranxos musicais coidados para percorrer algúns dos grandes éxitos destas formacións e artistas da música española. Todo iso nun escenario iluminado pola luz suave de centos de velas, que busca envolver o público nun ambiente cálido e próximo.

Lonxe do formato dun concerto convencional, 'Noches Encendidas' aposta pola proximidade e a emoción, ofrecendo unha maneira diferente de redescubrir cancións que forman parte da memoria musical de varias xeracións. A forza do pop e a sensibilidade das baladas danse a man nun espectáculo pensado para gozar de cada interpretación nunha contorna elegante e envolvente.

A cita permitirá revivir clásicos da música española nunha noite na que as voces, as melodías e a luz das velas serán as protagonistas.

As entradas están dispoñibles a través da plataforma www.dentralia.com e tamén se poden adquirir presencialmente na Libraría Aris de Burela.