• Galego
  • Español

Arrinca en Burela o Programa Nnabata de atención integral a persoas migrantes

  • O Concello de Burela e a Asociación Arraianas impulsan un proxecto de inclusión social financiado pola Fundación ”La Caixa”

Burela, 2 de febreiro de 2026. O Concello de Burela colabora coa Asociación Arraianas no desenvolvemento do Programa Nnabata, un novo servizo de atención integral dirixido a persoas migrantes, financiado pola Fundación ”La Caixa”.

O servizo ofrecerá unha atención especializada que inclúe acompañamento psicosocial e asesoramento xurídico, co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas deste colectivo e contribuír á súa integración social e comunitaria.

A iniciativa desenvolveranse os xoves na Casa do Concello de Burela e estará en funcionamento ata o 30 de xuño de 2026. Segundo explica o primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, o proxecto “reforza o compromiso municipal coa igualdade, a inclusión e o apoio ás persoas en situación de maior vulnerabilidade”.

Pillado tamén destacou que “se trata dunha iniciativa que levamos da man entre as áreas de Servizos Sociais e Inmigración, nas que o persoal do Concello de Burela fai unha extraordinaria labor acotío, e nesta ocasión en colaboración coa Asociación Arraianas, coa que xa sacamos adiante actividades exitosas”.

Dende o Concello subliñan que este proxecto “é un exemplo de colaboración entre a administración local e as entidades sociais, que suman esforzos para avanzar cara a unha Burela máis xusta, inclusiva e acolledora”.