ALFREDO LLANO PÍDELLES ÁS AUTORIDADES SANITARIAS A REALIZACIÓN DUN CRIBADO MASIVO ENTRE A MOCIDADE DE BURELA, DEBIDO AO IMPORTANTE INCREMENTO DE CONTAXIOS POR COVID
O alcalde de Burela, Alfredo Llano, mantivo esta mañá unha conversa coas autoridades sanitarias ás que lles demandou a realización dun cribado masivo entre a mocidade. O rexedor agarda que se faga a principios da vindeira semana. Mentres apela á responsabilidade da xente para que cumpra coas normas en vigor, para que se coide e para que acudan a esa chamada do Sergas.
O rexedor explicou que “falei coas autoridades sanitarias para facer xa un cribado en Burela e, polo que falamos, para principios da semana que vén vamos realizar xa cribados masivos á xuventude porque realmente preocupa a cantidade de contaxios, que están subindo cada día. Isto é impresionante, con respecto a outras datas que tamén foron moi preocupantes en Burela, pero agora están subindo dunha forma desbocada. Isto débese a moitos factores, pero hai que procurar que non inflúa tanto e nos corte a normalidade que tíñamos porque as cuestións sanitarias repercuten en todo”.
Alfredo Llano realizou unha chamada á veciñanza: “apelamos á responsabilidade e á conciencia porque hai que darse conta do que está ocorrendo e do que pode repercutir. Hai que parar inmediatamente estes contaxios masivos que está habendo, sobre todo entre a xente máis nova, pero pode repercutir entre outra xente que non estea vacinada ou que só teña unha dose. Polo tanto facemos unha chamada a todo o mundo para que colabore, participe, se responsabilice do que nos estamos a xogar. Desde logo vamos intentar frear a cadea de contaxios o antes posible para que non siga subindo porque senón non sei a onde imos chegar”.
O alcalde dixo que “enn Burela queremos facer o cribado o antes posible e imos tratar de que sexa nos primeiros días da semana que vén, luns ou martes, nun espazo amplo. Buscaremos o mellor sitio posible para que poida acudir a máxima xente que chamen e facelo da mellor maneira posible”.
Llano amósase preocupado: “é preocupante no conxunto da Mariña e tamén en Burela e imos ver se colaborando entre todos reducimos a cadea de contaxios e despois conseguir ter o menor número de casos posibles na comarca”.