• Galego
  • Español

Alfredo Llano participa na Xornada Divulgativa do Bonito celebrada en Tarifa para promover este produto a través dunha ruta gastronómica e experencial entre as dúas localidades

O alcalde de Burela fixo a súa intervención vía telemática na xornada realizada en Tarifa xunto coa OPP de Burela, o alcalde de Tarifa e outros organismos do sector

Ambos rexedores destacaron as cualidades gastronómicas do Bonito de Burela e do Atún Rojo de Tarifa, con repercusións no plano cultural e turístico

Este primeiro encontro trazou as liñas de traballo para a divulgación do produto e a creación dunha nova ruta gastro experencial entre as dúas localidades


Burela, 27 de maio de 2022.-  O alcalde de Burela, Alfredo Llano, participou esta mañá na Xornada Divulgativa do Bonito celebrada en Tarifa xunto co seu homólogo no lugar, Francisco Ruiz, o Secretario Xeral da OPP de Burela, Sergio López, e representantes da Cofradía de Pescadores e da Asociación Gastronómica de Tarifa.

A intervención telemática de Alfredo Llano xirou entorno a tres aspectos fundamentais: a divulgación das cualidades do Bonito de Burela, a defensa dunha pesca sostible e a repercusión gastronómica, cultural e turística do produto. 

“Para Burela o bonito foi un factor clave de desenvolvemento a nivel socioeconómico, cun porto pesqueiro dos máis importantes do Cantábrico, unha Feira do Bonito recoñecida de interés turístico nacional, e un barco museo sobre o mar que recolle toda a historia mariñeira dos boniteiros na comarca”, salientou Llano. 

“Compartimos con Tarifa a defensa do noso produto, que divulgaremos en conxunto co Atún Rojo, promovendo unha ruta gastronómica que de seguro terá aínda máis repercusión no plano cultural e turístico”, explicou o rexedor en alusión á iniciativa da ruta que se establecerá entre Burela e Tarifa para divulgar as cualidades do bonito.

Ademais, o alcalde de Burela puxo en valor “os métodos de pesca sostible empregados nas nosas costas, unhas prácticas respectuosas co medio que supoñen un distintivo irrenunciable e co que institucións e sector pesqueiro estamos fondamente comprometidos”.

Nesta xornada tamén se fixo unha análise da situación actual do sector, con representación de organismos públicos e privados, que abordaron a arte da pesca e o seu entorno como fonte de produtos turísticos, finalizando con showcooking e unha degustación.