• Galego
  • Español

Ábrense as inscricións para participar no Mercado e Rastro de Nadal 2026, que se celebrará o 28 e 29 de novembro de 2026

  • O mercado terá lugar na carpa da praza da Mariña con espazos diferenciados para a artesanía e os artigos de segunda man
  • O prazo para presentar solicitudes para os postos remata o 15 de novembro de 2026

Burela, 20 de outubro de 2026.  O Concello de Burela abre o prazo de inscrición para participar no Mercado e Rastro de Nadal 2026, que se celebrará os días 28 e 29 de novembro de 2026 na carpa da praza da Mariña, en horario de 10:30 a 20:30 horas.

A iniciativa busca fomentar o comercio local, dar visibilidade á artesanía e á creación propia e promover a reutilización de produtos a través dun espazo dedicado aos artigos de segunda man.

O mercado organizarase en dúas zonas diferenciadas: a primeira estará destinada á artesanía, incluíndo decoración e artigos de Nadal, xoguetes e outros produtos de elaboración propia, tamén de alimentación. A segunda corresponderá ao rastro de segunda man, no que se poderán ofrecer artigos usados en bo estado, como roupa, complementos, libros ou xogos.

Poderán solicitar un posto persoas artesás e creadoras, asociacións culturais ou veciñais, persoas autónomas e persoas físicas maiores de idade que dispoñan de produtos de elaboración propia ou artigos para o rastro. A participación será gratuíta e  a asignación realizarase por orde de inscrición e segundo a dispoñibilidade de espazo, podendo priorizarse as propostas artesanais e de elaboración propia, co obxectivo de fomentar a creación local e o comercio de proximidade.

A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destaca que “o Mercado e Rastro de Nadal é unha oportunidade para que artesáns, creadores e particulares conten cun espazo no que amosar os seus produtos, ao tempo que se contribúe á actividade comercial de Burela durante o Nadal”.

As persoas interesadas deberán cubrir o formulario de inscrición dispoñible na web do Concello de Burela ou solicitalo por correo electrónico e remitilo ao enderezo cultura@burela.org antes do 15 de novembro de 2026, incluído.