• Galego
  • Español

Aberto o prazo de matrícula para novo alumnado da Escola Municipal de Música de Burela

  • O período de inscrición permanecerá aberto do 1 ao 10 de xullo

Burela, 6 de xullo de 2026. A Escola Municipal de Música de Burela abre o prazo de matrícula para os novos alumnos e alumnas que desexen incorporarse ao centro durante o curso 2026-2027.

A Escola ofrece formación musical para persoas a partir dos 4 anos, sen límite de idade, adaptándose ás diferentes etapas de aprendizaxe. A súa oferta abrangue dende a iniciación musical ata o perfeccionamento instrumental e a participación en agrupacións.

Os máis pequenos poden iniciarse a través das aulas de Música e Movemento, dirixidas ao alumnado de entre 4 e 7 anos. A partir dos 8 anos terán formación instrumental, poderán participar en agrupacións musicais, canto e linguaxe musical.

Entre os instrumentos que se imparten na Escola Municipal de Música atópanse violín, viola, violoncello, contrabaixo, frauta traveseira, clarinete, óboe, fagot, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, percusión, piano, guitarra e canto, ofrecendo así unha ampla variedade de opcións para o alumnado.

Ademais da formación individual, a Escola promove a materia de produción musical a práctica musical en grupo a través de diferentes formacións, entre elas banda, orquestra, coro, grupo de rock, de jazz e outras agrupacións instrumentais, nas que o alumnado ten a oportunidade de desenvolver o traballo en equipo e participar en actuacións e concertos ao longo do curso.

As persoas interesadas deberán cubrir o impreso de matrícula e presentalo, unha vez asinado, a través do correo electrónico escolademusica@burela.org, entregándoo directamente a calquera membro do equipo docente da escola ou depositándoo na caixa do correo situada na entrada do recinto escolar.

No caso de que, unha vez rematado este período, queden prazas dispoñibles, abrirase un novo prazo de matrícula do 1 ao 11 de setembro.

O tenente de alcaldesa e responsable da Escola Municipal de Música de Burela, Mario Pillado, destacou que "a escola leva anos sendo un referente na formación musical do noso concello. Animamos ás familias e a todas as persoas interesadas a coñecer a súa ampla oferta educativa e a formar parte dun proxecto no que, ademais de aprender música, tamén se crean vínculos e se comparte unha gran afección".

Para obter máis información, as persoas interesadas poden contactar coa Escola Municipal de Música no teléfono 982 879 483.


+Info: Descargar impreso de matrícula para novxs alumnxs
+Info: Descargar instruccións e taxas para a matrícula telemática
+Info: Descargar solicitude de admisión na lista de espera