A XL Feira do Bonito e Produart volverán a converter Burela nun escaparate da gastronomía e da tradición mariñeira
- As dúas citas celebraranse o vindeiro fin de semana no porto da vila cunha programación que combina gastronomía, artesanía, cultura e actividades para todos os públicos
Burela, 22 de xullo de 2026. O Salón de Plenos do Concello de Burela acolleu hoxe a presentación da XL Feira do Bonito e da XXIV Feira de Produtos do Mar e da Terra, Artesanais e Ecolóxicos Produart, dous dos eventos máis destacados do verán burelés, que se celebrarán do 31 de xullo ao 2 de agosto no porto da vila.
No acto participaron a presidenta da Sociedade Cultural Recreativa Ledicia e organizadora da Feira do Bonito, Rocío Rivera Seara; o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González López; o deputado de Medio Rural, do Mar e Mocidade, Daniel García Fernández; a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña; e a presidenta da Deputación de Lugo, alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López.
Carmela López, subliñou que a Feira do Bonito e Produart "converten Burela nun escaparate de primeiro nivel para a nosa gastronomía, o noso produto e a nosa tradición mariñeira". A alcaldesa destacou que ambas as citas "atraen cada ano a milleiros de visitantes, converténdose nunha importante oportunidade para dinamizar a economía local, apoiar o comercio e a hostalería e seguir reforzando a imaxe de Burela e da Mariña como un destino de referencia durante o verán".
Unha fin de semana chea de gastronomía, cultura e tradición
A Feira do Bonito alcanza este ano a súa corenta edición. Declarada Festa de Interese Turístico Nacional, pon en valor o Bonito do Norte, un produto moi ligado á historia, á economía e á identidade de Burela.
A Feira arrancará o sábado 1 de agosto ás 10.30 horas co IV Encontro de Alfombrismo e Arte Efémero Galego, ao que seguirá a V Quedada de Coches Clásicos. Ás 13.00 horas terá lugar a recepción das autoridades e o izado da bandeira azul no barco museo Reina del Carmen. A continuación, entregaranse os premios do concurso de carteis e os recoñecementos de Asador Maior e Colaboradora de Honra desta edición, antes da lectura do pregón a cargo de Paula Jorge Horta.
A partir dese momento abrirase a degustación de Bonito do Norte, con preparacións como bonito cocido, bonito á grella e empanada, e a xornada concluirá ás 20.30 horas con diferentes actuacións musicais.
O domingo 2 de agosto a programación incluirá actividades infantís e unha nova degustación gastronómica, protagonizada nesta ocasión por unha tapa de filloa de Muimenta rechea de bonito e unha ración de marmitako.
De xeito paralelo celebrarase tamén a XXIV edición de Produart, organizada pola Fundación Expomar, que apoia a actividade de produtores e sectores que empregan métodos sostibles e non invasivos co medio natural fronte ás formas de produción convencionais. A feira contará cunha ampla programación de obradoiros, demostracións, showcookings, degustacións gastronómicas, conferencias, actividades infantís e música en directo.