• Galego
  • Español

A Deputación de Lugo destina 124.000€ ás obras de mellora do firme e sinalización da estrada da Marosa

A institución provincial vén de licitar os traballos para renovar a totalidade desta vía, de algo máis de 9 quilómetros, que comunica Cervo e Burela

Alfredo Llano considera moi importante esta actuación, que favorece a seguridade vial e que mellora unha vía moi empregada para comunicarse coa praia da Marosa e as instalacións deportivas

A LU-P-1510 discorre paralela á costa e dá acceso a diferentes praias e tamén servizo ao polígono industrial de Cuíña, ademais de ser a conexión máis rápida con San Cibrao


Burela, 4 de maio de 2022.-  O alcalde de Burela, Alfredo Llano, informa dun investimento de 124.000€ da Deputación Provincial de Lugo para acometer obras de mellora do firme e sinalización da totalidade da estrada LU-P-1510, que conecta os concellos de Cervo e Burela. A Xunta de Goberno da institución provincial vén de aprobar a licitación destes traballos, segundo comunicou o Presidente, José Tomé Roca, que afectarán ao treito que vai do inicio da vía ata o punto quilométrico 9,301. O prazo de execución será de 3 meses unha vez iniciadas as obras.

A Deputación acometerá un proxecto que contempla a reapertura de cunetas, drenaxe, limpeza, pavimentación e fresado nas zonas da vía que presenten algún tipo de fisura, un reforzo do firme na zona do polígono e a sinalización mediante marcas reflexivas brancas.

O mandatario provincial sinalou a importancia desta actuación para a veciñanza, porque a LU-P-1510 “é a vía de comunicación máis directa entre o concello de Cervo e o de Burela, dá servizo ao polígono industrial de Cuíña, e é moi empregada por turistas e visitantes nos meses de verán porque discorre paralela á costa, dá acceso a diferentes praias e por tramos conta con paseo e carril bici”.

Pola súa banda, o alcalde de Burela considera “moi importante esta actuación, porque entre outras cousas favorece, e moito, a seguridade vial dun tramo moi empregado para comunicarse coa praia da Marosa e as instalacións deportivas”. Ademais, o rexedor destacou que “é a conexión máis rápida con San Cibrao”.