A convivencia intercultural de Burela chega á literatura
Burela, 23 de novembro de 2026. Burela é o título da obra narrativa que acaba de ver a luz. O seu autor é o escritor e académico Efigênio Moura, e a primeira edición, xa nas librarías, é a da editora galega Através. O libro presentarase o vindeiro sábado, 28 de novembro de 2026, ás 12:00 horas, na Sala de Plenos do Concello, nunha conversa co autor na que estará acompañado polo profesor Bernardo Penabade. O libro estará á venda no mercado de Nadal este sábado de 17:00 a 20:00 horas, onde o propio autor estará firmando libros de 19:00 a 20:00 horas.
A novela, ambientada nesta vila mariñeira da costa cantábrica, segue a Sabela, que vai perdendo pouco a pouco o control do seu corpo, da súa fala e dos seus recordos. Os seus días xiran arredor dun barco que leva o seu nome, dos coidados pacientes de Titina, unha coidadora caboverdiana, e dunha garza que só ela pode ver. Só unha cousa resiste: o amor que gardou en silencio durante toda a vida.
As rúas do casco urbano (especialmente a Beiramar e a de Castrelo), o Hospital da Mariña, o Cantiño, a Areoura, o paseo da Marosa, a Vila do Medio e o Monte Castelo son algúns dos lugares en que están ambientadas as diferentes pasaxes, algunhas delas coa participación de Fito e Canero, da escola infantil de Lola e Teresa, de Titina, do Almacén do Peixe, da panadería González e da pastelaría de Kiko.
Efigênio Moura naceu en 1965 en Monteiro, no estado brasileiro de Paraíba. Desde a súa estrea en 2009 publicou 19 libros, entre novelas, contos e literatura infantil e xuvenil, e é membro de varias academias literarias e históricas. Para escribir Burela inspirouse nas vilas pesqueiras do seu Nordeste natal e no contacto con Bernardo Penabade, que o convidou a participar nun encontro en liña co alumnado do IES Perdouro.
"É un orgullo que Burela dea título a unha novela e que as nosas rúas, os nosos lugares e a nosa xente aparezan retratados nas súas páxinas. Este libro reflicte moi ben o que somos; unha vila mariñeira, aberta e diversa, onde persoas de moitas orixes conviven e constrúen comunidade", sinala o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Inmigración e Cooperación, Mario Pillado.
"Que un escritor brasileiro elixa Burela para contar unha historia na que a convivencia intercultural ten un papel tan importante demostra que a nosa identidade traspasa fronteiras. Animamos a toda a veciñanza a achegarse o sábado á presentación para coñecer o autor e descubrir esta Burela literaria", engade Pillado.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou que "é un auténtico pracer que, por segundo ano consecutivo, teñamos no noso Mercado de Nadal a presentación dunha obra literaria vencellada a Burela. É unha iniciativa que nos fai especial ilusión, porque permite unir cultura, literatura e dinamización do noso mercado, achegando tamén propostas culturais á veciñanza".
"Queremos agradecer a Efigênio Moura que escollera Burela como escenario da súa obra, así como a Bernardo Penabade pola súa implicación e por facer posible esta conexión, explicou.