A Casa da Xuventude prepara o arranque dunha nova programación de verán
- Mañá terá lugar unha xornada de portas abertas de Fútbol na rúa para que a cativada descubra a actividade antes do inicio oficial da programación estival
Burela, 7 de xullo de 2026. A Casa da Xuventude de Burela acollerá mañá, mércores 8 de xullo, unha xornada de portas abertas de Fútbol na rúa, unha actividade gratuíta coa que a mocidade poderá coñecer de primeira man unha das propostas incluídas na programación de verán da Casa da Xuventude.
O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Xuventude, Mario Pillado, anima á mocidade a participar nesta xornada, sinalando que "é unha boa ocasión para achegarse á Casa da Xuventude, coñecer unha das actividades programadas e comprobar todo o que temos preparado para este verán".
Dende o Concello lembran tamén que o prazo de inscrición para participar nas actividades de verán da Casa da Xuventude permanecerá aberto ata este venres, 10 de xullo. A programación, dirixida a rapaces e rapazas nados entre 2008 e 2014, comezará o 13 de xullo ata o 27 de agosto, con propostas gratuítas de xogos populares e tradicionais, robótica, fútbol na rúa e diversión matemática en horario de 10:00 a 13:00 horas, agás Fútbol na rúa, que será de 11:00 a 13:00 horas.
As inscricións poden realizarse a través do correo electrónico casaxuventude@burela.org, de forma presencial no Concello de Burela ou chamando ao teléfono 982 58 60 00.