A Casa da Cultura de Burela acolle esta fin de semana as representacións de “O traballo de Andrea” e “Güela-Güela”
- A primeira obra, destinada a un público adulto, representarase este venres 22 de marzo ás 21:00, e a segunda, unha obra de teatro de títeres para a cativada, o sábado 23 ás 18:00
Burela, 20 de marzo de 2024. O Concello de Burela acolle esta fin de semana, no auditorio da Casa da Cultura, dúas representacións teatrais. A primeira será a de ‘O traballo de Andrea’, a cargo do Colectivo Cultural Ollomao, e a segunda, a de ‘Güela-Güela’, de Galitoons.
“Dende a área de Cultura temos esta finde dúas propostas para todo tipo de público, coa fin de que poida desfrutar delas a veciñanza de Burela de todas as idades”, sinala a concelleira de Cultura, Lina Gómez Pardo.
‘O Traballo de Andrea’ é unha obra escrita en catalán por Ignasi García Barba e adaptada ao galego por Ramón Casas Oroza. Está adicada a un público adulto, e trata o papel que xogan as novas xeracións na preservación da Memoria Histórica da Guerra Civil e a Posguerra.
A representación terá lugar ás 21:00 deste venres 22 de marzo. As entradas terán un prezo de 5€ e poderán ser adquiridas dende as 20:00 na propia Casa da Cultura.
Por outra banda, ‘Güela-Güela’ é unha obra de teatro de títeres dirixida a un público infantil e familiar. A representación será ás 18:00 deste sábado, día 23, e a entrada ten un prezo de 3€.
Trátase dun espectáculo baseado na obra 'Concerto de aves' de Frans Snyders, moi visual e cargado de música e emocións. Narra as aventuras de Güili, unha pequena cegoña que quere sumarse ao reparto de bebés recén nacidos xunto ao resto de cegoñas.