• Galego
  • Español

A ASOCIACIÓN TÁ EN ARTES FORMARÁ PARTE DO XURADO DO CONCURSO ARTÍSTICO CONVOCADO POR BURELA IN

Ata o 13 de marzo está aberto o prazo de presentación de traballos ao Concurso Artístico convocado por Burela IN. Hoxe os artistas coñeceron o espazo e os materiais cos que se realizará a obra gañadora. A asociación Tá en Artes formará parte do xurado, segundo deu a coñecer hoxe a concelleira de Mar, Carmela López.

A edil contou que “hoxe tivo lugar a xornada para artistas. Estivemos no muro, na antiga fábrica de gres e visitando ás redeiras. Entón puideron ver in situ os materiais cos que van contar para poder presentar o seu boceto, antes do día 13. Aínda está aberto o prazo e entón queremos convidar a todos os artistas que queiran participar a que nos envíen as súas propostas ao enderezo electrónico burelain@burela.org” e engadiu que “para obter máis información poden contactar co seguinte número de teléfono: 627 096 062”.

Carmela López contou que “xa temos 11 artistas interesados en participar nesta convocatoria de Burela IN, que pediron información e máis da metade acudiron hoxe a coñecer as zonas”.

A concelleira burelesa subliñou que “a asociación Tá en Artes formará parte do xurado. Da directiva deste colectivo forma parte Neira Brochs, que é un grandísimo muralista mariñán”.

#BurelaIN é un proxecto que promove a recuperación e posta en valor de residuos derivados do mar e das actividades marítimo-pesqueiras. Entre as actividades previstas para este 2022 figura este Concurso Artístico, que suporá o acondicionamento do muro que está situado na rúa do Berbés, esquina Eijo Garay, contemplando a utilización de materiais en desuso como redes e gres. A obra de arte deberá reflectir o carácter mariñeiro da vila. O gañador ou gañadora recibirá como premio 3.000 euros.