• Galego
  • Español

A Alcaldesa de Burela acompaña ao IES Monte Castelo na inauguración da súa exposición sobre o encascado de redes no Museo do Pobo Galego

  • O proxecto, gañador do XIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, permanecerá un mes en Santiago coa previsión de chegar a Burela posteriormente

Burela, 14 de novembro de 2025. A alcaldesa de Burela, Carmela López, acompañou esta mañá ao alumnado e profesorado do IES Monte Castelo na inauguración da exposición “A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela”, que tivo lugar no Museo do Pobo Galego.

O proxecto, gañador do XIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, foi elaborado polos Departamentos de Xeografía e Historia, Artes, Tecnoloxía, Galego e Francés, coa participación do Ciclo Superior de Química e Saúde Ambiental e baixo a coordinación de Herminia Pernas Oroza. No seu desenvolvemento tamén colaborou a Asociación de Mariñeiros Xubilados e Afíns ‘A Moncloa’, así como o Concello de Burela, que acolleu unha primeira presentación da iniciativa na Casa da Cultura.

A mostra poderá visitarse durante un mes no Museo do Pobo Galego, e o Concello amosou o seu interese en que poida presentarse tamén en Burela máis adiante.

A alcaldesa puxo en valor o traballo realizado polo centro educativo e afirmou que “para Burela é unha honra que un proxecto que nace da nosa realidade mariñeira teña este recoñecemento”. Carmela López salientou ademais que o alumnado fixo un labor “extraordinario” e sinalou que “a intención é que a mostra poida exhibirse no municipio tras o seu paso polo Museo do Pobo Galego”.