Muíño de Cinoche
No camiño de Cinoche no que nos atopamos existía un muíño hidráulico de uso comunal, usado para a produción de fariña a partir do cereal. Hoxe aínda podemos ver parte dos seus muros ao outro lado do río.
En Burela está documentada a existencia de muíños de auga desde o século XV.
Foi Pascual Madoz quen deixou constancia na súa obra ‘Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España’ de mediados do século XIX que nesta vila había dous muíños que funcionaban cinco meses ao ano, cando o caudal do rego permitía o seu traballo. Un deles era este, o de Cinoche.
Os muíños de auga son edificacións que cumpriron importantes funcións sociais en Galicia, abastecendo á poboación do seu principal sustento alimenticio, do gran moído para posteriormente elaborar pan, e servindo de lugar de reunión dos/as veciños/as, onde á espera da moenda charlaban, e mesmo cantaban e bailaban, xurdindo festas espontáneas, e sendo a orixe do baile tradicional galego por excelencia, a muiñeira, palabra que tamén ten a súa orixe nestas edificacións, os muíños.
Xa non quedan veciños que lembren este lugar en funcionamento. Posiblemente remataran os seus días de actividade a finais do século XIX ou principios do XX.

